VIII Premio «Luísa Villalta»

O Premio «Luísa Villalta», que chega desta volta á súa oitava edición, convócase cos obxectivos de desenvolver iniciativas innovadoras, relacionadas coa planificación e a normalización lingüística; promover a reflexión e a implicación da comunidade universitaria galega a respecto da situación da nosa lingua e aproveitar as potencialidades técnicas e científicas e os recursos humanos existentes nas tres universidades galegas, cuxos servizos de normalización lingüística organizan o evento xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Os concursantes poden optar por argallar unha proposta de campaña que desenvolva unha iniciativa orixinal de fomento do uso do galego no ámbito universitario. Como tal campaña, deberá contar cunha diagnose previa e os elementos habituais dunha acción planificada: obxectivos, destinatarios/as, metodoloxía, actividades, temporalización, recursos e avaliación. Esta modalidade está dotada cun galardón de 3000 euros.

Se tes unha boa idea para o galego na Universidade, mais non te ves planificando o seu desenvolvemento, podes igualmente participar neste Premio e gañar ata 1500 euros. Terás que entregar un informe razoado sobre a idea que se presenta, a súa motivación, os seus obxectivos e a súa incidencia social.

Calquera membro das tres universidades (estudantes, docentes, PAS)  poden presentar as súas propostas sempre antes das 14 horas do día 10 de novembro de 2011 no Rexistro Xeral de calquera das tres universidades. No web do SNL da UdC podes informarte polo miúdo das características e das bases do concurso, así como consultar os traballos premiados anteriormente.

Venres, 01 de xullo de 2011