GalegoLab, colaboración na Rede por un país en galego

Dende hai un par de anos, Internet está a ser a canalizadora das inquedanzas dunha sociedade que sente que hai moito que facer pola lingua e que atopa na arañeira dixital as ferramentas necesarias. E GalegoLab é unha boa mostra.

GalegoLab é unha organización sen fin de lucro, fundada en 2010, que ten como obxectivo o impulso de accións concretas de promoción da lingua galega, cun enfoque de abaixo-arriba. A súa ferramenta principal é a web GalegoLab, unha rede social de crowdsourcing, para axuntar apoios ás accións propias e as que propoñan os usuarios e outros colectivos.

No web de GalegoLab propóñense e discútense novas ideas de actuación a prol da lingua galega; procúranse e coordínanse recursos para esas actuacións (persoas, financiamento, apoios...) e a comunidade corresponsabilízase da súa execución, e logo de  lavadas adiante, espállanse os seus resultados, sempre co traballo colaborativo como eixo central.

Daquela, GalegoLab supón unha vía de escape para moita xente que quere poñer o seu graíño de area pola lingua (alén de falala) e, até o de agora, non sabían como facelo. GalegoLab canaliza toda a creatividade e paixón polo noso idioma transformando, como dicía Castelao, os anceios en realidade. E é que dende e a súa posta en marcha en 2010, as propostas non deixaron de agromar e entre os seus proxectos rematados xa temos para elixir. Lograr inserir masivamente en Twitter o hadstag de #galega, para dar a coñecer a nosa lingua aos 145 millóns de usuarios desa rede social,  facer pinchadas con música galega nas discotecas do país ou «24 horas galego fullscreen», un concurso de vídeos de 5 minutos en que se resuman as 24 horas de conduta lingüística dun falante de Galicia,  xurdiron grazas á capacidade para sumar e coordinar esforzos deste portal.

Arestora séguese presentando propostas, buscando voluntarios e traballando para lle dar ramo a proxectos como a elaboración dunha guía branca que recompile os locais do país que utilizan preferentemente o galego ou unha campaña para que o Deportivo da Coruña adquira un maior compromiso coa lingua ou a tradución do Twitter. Outras propostas (as ideas orfas) agardan pola nosa valoración para que se asuman, como un Correlingua para todas as idades; e algunhas decaerán ao non lograren apoios.

GalegoLab pode facer os galegos e galegas copartícipes na construción dun país onde vivir na lingua propia sexa algo máis normal.

MIGUEL RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ

Venres, 29 de abril de 2011