Axudas a teses, traballos de fin de mestrado, TIT e memorias de licenciatura en galego

Dende 1994 a USC ofrece un programa de axudas á utilización do galego en proxectos de fin de carreira, memorias de licenciatura, traballos de investigación tutelados (TIT) e teses de doutoramento. Este incentivo axiña se converteu nun referente en moitas outras universidades, tanto galegas coma dos países cataláns. Dende aquela, 1136 estudantes e investigadores solicitaron estas axudas na USC, contribuíndo deste xeito a estender o galego na investigación.

As persoas que fagan os seus traballos en lingua galega poderán obter unha subvención para os gastos de fotocopiado e encadernación de:

  • un máximo de 150 €, no caso dos traballos de fin de mestrado, memorias de licenciatura e traballos de investigación tutelados
  • un máximo de 400 € para as teses de doutoramento

As subvención compleméntanse con servizos de consulta lingüística e terminolóxica, así como de asesoramento para a corrección lingüística por parte do Servizo de Normalización Lingüística. As axudas económicas cómpre solicitalas no mesmo ano en que se defende o traballo, a través do rexistro da USC.

No pasado ano 2010 a USC concedeu subvencións para os gastos de publicación de 36 traballos realizados en galego. En concreto, beneficiáronse desta liña de incentivos á utilización da nosa lingua os autores/as de 11 teses, 9 traballos de fin de mestrado, 4 memorias de licenciatura e 12 traballos de investigación tutelados (TIT).

Os proxectos de fin de carreira en galego, que ata 2009 se incluían nesta liña de axudas á investigación, pasaron a recoñecerse, por seren análogos aos traballos de fin de grao das novas titulacións de grao, nos Premios á calidade e á excelencia lingüística, de xeito que todos os traballos que se realicen dentro dos graos e titulacións da primeira etapa universitaria fican abeirados a estes concursos de calidade que organizan as comisións de normalización lingüística dos centros.
 

Venres, 01 de abril de 2011