Premios á calidade e á excelencia lingüística 2010-2011

Un ano máis as comisións de normalización lingüística, co apoio do Servizo de Normalización da USC, convocan unha nova edición dos Premios á calidade e excelencia lingüística para este curso 2010-2011. Estes galardóns nacen co fin de complementar os coñecementos específicos aprendidos polos estudantes nas aulas co desenvolvemento das habilidades lingüísticas e comunicacionais á hora de presentaren contidos ben estruturados, con corrección e en galego nos seus traballos académicos.

Para poder optar aos premios os estudantes non teñen que facer un esforzo especial en elaborar un proxecto específico. Participar é tan doado como presentar un dos múltiples traballos que os estudantes, especialmente os que xa se vexan afectados pola implantación do EEES, teñen que realizar ao longo do seu curso, sempre e cando neles se empregue a lingua galega e conseguira o aprobado.

Como na pasada edición os alumnos/as poderán participar a través das dúas modalidades que se especifican nas bases do concurso. Na primeira modalidade, haberá premios para os traballos académicos do curso (incluídos os TAD), consistentes en 150 (1º premio) e 100 euros (2º premio) por centro e diploma acreditativo. A maiores, e en caso de ser seleccionado como o mellor dos traballos de entre os elixidos nas facultades -premio á excelencia-, outorgaranse 150 euros e o correspondente certificado.

Na outra modalidade poderanse presentar os traballos de fin de grao ou proxectos de fin de carreira. Os gañadores e gañadoras de cada titulación recibirán un premio de 300 euros e o diploma correspondente. Do mesmo xeito que ocorría na outra modalidade tamén aquí haberá un premio á excelencia para o mellor de todos os traballos seleccionados en cada titulación que desta vez consiste noutros 300 euros.

Ano a ano son cada vez máis o número de centros que se suman a esta proposta para fomentar unha cultura de calidade ligada ao galego entre o estudantado. Desta volta o concurso ábrese a todos os alumnos que estean a cursar o grao ou a licenciatura de: Administración e Dirección de Empresas (Lugo), Bioloxía, Ciencias, Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación, Ciencias Económicas e Empresariais, Dereito, Filosofía, Psicoloxía, Veterinaria, Xeografía e Historia, Escola Politécnica Superior (Lugo), Escola Universitaria de Enfermaría, Escola Universitaria de Formación do Profesorado (Lugo), Escola Técnica Superior de Enxeñaría.

O prazo de presentación dos traballos xa está aberto e pecharase o 9 de setembro de 2011. No web do SNL, ademais de coñecer polo miúdo as características e bases deste concurso tamén poderás atopar os proxectos premiados en anos anteriores así como diferentes documentos e ferramentas de apoio que che serán útiles á hora de elaborares o teu traballo: vocabularios específicos, guías de estilo, correctores ortográficos ou modelos para os traballos de fin de grao.

Sorte!
 

MIGUEL RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ

Luns, 28 de febreiro de 2011