III ETSE Open de SL / III Fiadeiro de localización de software libre

Gustaríache participar niso de galeguizar software mais cres que non tes coñecementos técnicos ou lingüísticos abondos? Na Escola Técnica Superior de Enxeñaría téñenche a solución: aprender o que che cómpre e traballar en equipo. A terceira edición do «ETSE Open de SL/ Fiadeiro de localización de software libre» permitirá aprender e traballar de xeito colaborativo a persoas da USC con perfís moi diferentes, sexan estudantes, profesores/as ou PAS, a prol dun empeño común: galeguizar unha serie de aplicacións informáticas de software libre de uso xenérico, o que ha facilitar a tradución e que se completen as localizacións, de xeito similar a como se fixo na segunda edición deste evento.

Os días 29 e 31 de marzo terán lugar na aula I8 do Departamento de Electrónica e Computación (no Monte da Condesa) os obradoiros de formación; en 6 horas  os técnicos da Oficina de Software Libre da USC explicarán como se localiza  software dun xeito moi práctico: enfrontándose conxuntamente á tradución dunha pequena aplicación, o que dará pé a explicacións e resolución de dúbidas

O sábado 2 de abril as persoas que participaron no obradoiro reuniranse outra volta, mais nesta ocasión na aula I 5, para compartir durante 9 horas música, comida, conversa e traballo de localización por parellas, se é posible, interdisciplinares.

De balde, diplomas, curriculum e premios!

Todo vantaxes: Ademais do diploma de asistencia por 15 horas, os inscritos recibirán un diploma con que poderán acreditar no seu curriculum a experiencia concreta de tradución que abordara e han figurar nos créditos propios da versión localizada. Ademais, todas as parellas tradutoras poden aspirar ao premio «Máis e mellor», que se lle outorgará a aquela parella que traduza máis cantidade de cadeas e coa maior calidade a xuízo da organización.

A inscrición, cuxo prazo abrangue dende o 4 ata o 24 de marzo, é de balde, e formalízase a través do web da actividade, onde poderás atopar toda a información necesaria sobre esta iniciativa de dinamización para o fomento conxunto do galego e do software libre.

O «III ETSE Open de SL/ Fiadeiro de localización de software libre»  é unha iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, organizada xunto co Servizo de Normalización Lingüística e a Oficina de Software Libre da USC.

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Luns, 28 de febreiro de 2011