Parellaes

Gustaríache practicar catalán? Queres aprenderlle galego a outras persoas? Co programa «Parellaes« poderás facelo de xeito lúdico, coñecendo outras persoas e nun ambiente distendido. E con crédito!

Na USC acaba de botar a andar un programa de intercambio lingüístico galego-catalán especialmente pensado para todas aquelas persoas que queiran practicar algunha destas dúas linguas e teñan dificultades para facelo máis alá das aulas da Universidade. O nome elixido para este proxecto é «Parellaes», xa que cada grupo fórmano un estudante da USC que curse ou cursara algunha materia da Área de Catalán e outro que sexa orixinario do ámbito lingüístico catalán e que estea nesta Universidade cun programa SICUE-Séneca.

Se che interesa esta iniciativa e queres apuntarte, non tes máis que enviar un correo electrónico a <mamerce.lopez@usc.es> ou a <dolors.perarnau@usc.es>, explicando o teu nivel en nos dous idiomas, así como os teus gustos e preferencias. Axiña te han pór en contacto coa persoa máis acaída para intercambiardes coñecementos en lingua un mínimo de 10 sesións até o final de curso.. E se todo isto aínda non te acabou de convencer, lembra que esta actividade está recoñecida por un crédito de libre configuración na USC!

As parellas que se formen poderán practicar ambas as dúas linguas, catalán e galego, nun ambiente relaxado e cómodo: tomando unha cervexa, paseando o Campus ou de leria á noite. O importante é  conversar, charlar, latricar, comentar, disertar, dialogar... falar, en galego e en catalán.
 

MIGUEL RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ

Luns, 31 de xaneiro de 2011