Facer ver o galego, nos premios «Luísa Villalta»

«O galego no espazo público» e «visualiza.me» son os títulos das dúas propostas que resultaron gañadoras no VII Premio «Luísa Villalta», nas categorías de campaña de promoción da lingua galega e de idea de promoción, respectivamente. A autoría dos traballos corresponde a Camilo Blanco Pampín, estudante da Escola Técnica Superior de Arquitectura e a María José Prol Conde, membro do persoal de administración e servizos, ambos os dous da Universidade da Coruña.

Presentáronse doce traballos na sétima convocatoria destes premios que honran a memoria da escritora coruñesa Luísa Villalta, sete na modalidade de campañas (modalidade dotada cun premio de 3000 euros) e cinco na de ideas normalizadoras, dotada cun galardón de 1500 euros. Desta volta non participou ningún membro da Universidade de Vigo, cuxo servizo de normalización lingüística é organizador do certame xunto cos das universidades da Coruña e Vigo, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O xurado formado por Goretti Sanmartín (SNL da UDC), Manuel Núñez Singala (SNL da USC), Marta Souto González (SNL do Concello de Vigo), Nel Vidal Barral (SNL do Concello de Carballo) e Xoán Rivas Cid (Secretaría Xeral de Política Lingüística), reunido o pasado 24 de novembro, decidiu por unanimidade os traballos premiados, que coinciden no obxectivo de facer ver o galego.

«O galego no espazo público» é un proxecto claro e concreto, con vocación de permanencia, que adopta como liña estratéxica a adaptación e modernización de espazos e edificios públicos para darlle visibilidade ao galego nos recantos que nos son comúns a todos. Chega mesmo a propoñer un moble expositor para a lingua ou a formalización de espazos propios para grafitis.

Pola súa banda, «visualiza.me» propón a encarga a artistas galegos/as de imaxes asociadas a un lema a prol do galego, para que logo esas imaxes se poidan descargar dende o web das universidades como fondos de pantalla para móbil e ordenador, ou como adhesivos.

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Martes, 30 de novembro de 2010