Os estudantes, protagonistas de «Témoslle lei»

A campaña impulsada pola Facultade de Dereito baixo o lema «Témoslle Lei» tivo unha moi boa acollida por parte dos estudantes dun centro que, nos ruxerruxes da Universidade, acostúmase a presentársenos como pouco propicio para o galego. Esta campaña procurou desenvolver algo diferente para dar a coñecer o propio plan da Facultade para aumentar o uso do galego e o resultado global podemos dicir que resultou positivo.

Para comezar, contou co factor sorpresa ao seu favor. Á entrada da Facultade unha grande lona co lema «Témoslle lei» recibiu os estudantes dende primeira hora da mañá do luns 22 de novembro. Era o paso previo antes de atoparse coa mesa da entrada, na que membros de tres organizacións estudantís da facultade (Foro de Alumnos de Dereito, Asociación Independente de Dereito e Comités) lles repartían aos seus compañeiros o material da campaña: unha bolsa, un folleto sobre as razóns da campaña, un decálogo para ser lingüisticamente sustentable e un cd-rom. A participación das organizacións estudantís achegou a proximidade que o alumnado moitas veces bota en iniciativas da Universidade. A interacción cos compañeiros e compañeiras axudou a dar a coñecer moito máis en profundidade os contidos e o sentido da campaña entre os futuros xuristas.

Mais non se trataba só de espertar interese, senón tamén de buscar a participación do estudantado. Un enorme panel co lema da campaña, «Témoslle lei», foi cuberto polos mozos e mozas de Dereito con pos-its de cores nos que se escribiron frases en relación co galego. A media mañá unha chea destas mensaxes xa cubría boa parte do panel. Os contidos son, como non podía ser doutro xeito, moi heteroxéneos. Alí podíanse ler dende peticións dun ensino 100% en galego até reivindicacións do dereito de elección do idioma de estudo ou o recorrente «malo será». Os propios membros das asociacións estudantís abraiáronse coa receptividade da xente.

Tamén se pretende a participación informal de alumnado e PDI a través do perfil da campaña no Facebook.

Mateo Verdeal mostrou a súa ledicia pola alta participación que estaba a haber nesta actividade. «Sobre todo tendo en conta os tópicos que hai sobre a Facultade de Dereito», dixo. De todos os xeitos, e como sempre hai excepcións que rompen a regra, tamén se deu o caso de alumnos aos que nin o efecto sorpresa, nin a presenza dos seus compañeiros lles pareceu motivo de peso para recoller o material que se distribuía.

No tempo dos intercambios de clase era cando se achegaban a meirande parte dos estudantes. Moitos deles tiveron que facer cola para recibiren o material que estaba a ser distribuído ou para escribir a súa mensaxe particular nalgún dos pos-its que logo cubrirían o panel da entrada. Outros tantos, de paso que botaban unha ollada ao material de campaña que lles fora introducido na bolsa negra ou vermella, ficaban mirando para a pantalla co vídeo en que profesionais do Dereito opinan sobre o uso do galego neste eido, que se estaba a reproducir de xeito continuo; agardaban a que saíse algún dos seus profesores, Antonia Nieto ou Gómez Segade, mentres o fiscal xeral de Galicia ou unha xuíza de Santiago se pronunciaban na fita a prol do uso do galego na profesión. Helena Fernández, de 2º de Dereito, mostrou a súa ledicia especialmente polo contido do cd-rom, que lles fornece a meirande parte da lexislación básica que estudan en lingua galega. «Así os que queiran empregar o galego poderano facer sen ter que dedicar o duplo de esforzo a traducir». Tamén docentes lle manifestaron á Comisión de Normalización Lingüística a súa satisfacción pola campaña, como o profesor Antonio Puñal.

A campaña, logo, comezou con bo pé. Agora a pelota está no tellado de profesores/as e alumnos/as. Deles e delas depende á fin facer da Facultade de Dereito un lugar onde ao galego se lle ten lei.
 

MIGUEL RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ

Mércores, 01 de decembro de 2010