Do CERN a Compostela coa Física de Partículas (en galego!)

O pasado 4 de novembro milleiros de rapaces e rapazas, xunto co seu profesorado, expresaron que o galego é un idioma válido para a ciencia a través dunha manchea de actividades organizadas co gallo do «Día da ciencia en galego» pola Coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística. Exposicións, obradoiros de ciencia divertida, teatro divulgativo, experimentos, instalacións electrónicas, concursos de fotografía científica e matemática, construción de planisferios e papaventos ou conferencias a cargo de profesores universitarios encheron as aulas e os patios de centros escolares de toda Galicia.


A iniciativa quería expresar que a lingua galega, relegada no ensino non-universitario polo Decreto para o Plurilingüismo, de materias como Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía, é idónea para a transmisión do coñecemento e o ensino nas áreas científico-tecnolóxicas. Os centros participantes organizaron de maneira autónoma actividades e experiencias de divulgación científica pensadas e desenvolvidas en galego e adaptadas á súa realidade e nivel educativo. Nalgunhas vilas e cidades alumnado e profesorado reuniuse en espazos públicos para divulgar esta mesma idea entre a sociedade. No web da Coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística presentan as súas propostas e os resultados acadados.


Tamén houbo actividades en común, realizadas a través da Rede. Así, estase a elaborar un glosario de termos tecnolóxicos de uso común a través do web <tecnoloxia.org>. Sen dúbida a máis novidosa foi o desenvolvemento dunha videoconferencia vía web, a través dunha sala virtual de fácil manexo, baixo o título “Do CERN a Compostela coa Física de Partículas”, organizada pola Coordinadora Galega de ENDL e o Departamento de Física de Partículas da USC. Nela, investigadores galegos da universidade compostelá e do CERN (Laboratorio Europeo de Física de Partículas, en Xenebra) explicaron dende ambas as cidades os proxectos científicos que están a desenvolver na actualidade.

Durante unha hora uns 2700 alumnos e alumnas de 60 centros de ensino de toda Galicia, ademais de seguiren a videoconferencia, puideron interaccionar libremente con Carlos Salgado, Elena González Ferreiro (Fac. de Física da USC) e Teresa Fonseca e Abraham Gallas (CERN - Xenebra)  mediante o chat, guindándolles preguntas que os investigadores ían respondendo. Todo o encontro foi gravado e pódese visualizar no web da Coordinadora de EDL, e en breve, en usc.tv. Unha proba evidente de que a investigación científica pode facerse e, sobre todo, divulgarse na nosa lingua.

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Mércores, 01 de decembro de 2010