“Non faltou vontade política para desenvolver o Plan de Normalización da USC, pero si recursos e capacidade”

Senén Barro Ameneiro é catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial. Desde 2002 é reitor da Universidade de Santiago de Compostela, e neste 2010 completa o seu segundo mandato. Durante o seu goberno tivo a responsabilidade de desenvolver o Plan de Normalización Lingüística, presenciou a época de grandes consensos sobre a lingua e tamén viu como se reabría un debate que se cría pechado. Semanas antes de coñecer cal había ser o seu substituto en San Xerome, concedeunos esta entrevista.

 

Van xa alá oito anos desde que foi escollido reitor. Que mudou a respecto da lingua galega desde entón?

A Universidade non tivo os recursos con que lle gustaría contar para poder apostar por un uso máis intensivo do galego, pero eu diría que houbo avances. Cando hai oito anos eu asumín a reitoría por vez primeira, a Universidade xa tiña un claro compromiso coa lingua galega, que se mantivo e se fixo explícito durante todo o meu mandato. Un elemento importante que herdei foi o noso Plan de Normalización Lingüística, elaborado por  iniciativa do equipo anterior, que se aprobouno primeiro claustro que presidín, e que nós aplicamos. Se fixeramos un balance do que foi desenvolvido deste Plan... pois creo que unha parte importante, aquela que puidemos atender cos recursos que tiñamos. O que non faltou foi vontade política de desenvolvelo plenamente, pero si recursos e capacidade de goberno para facelo. Non houbo un antes e un despois con este reitor a respecto da  lingua, pero si que se pode dicir que non baixou a garda.

O Plan sinala o papel fundamental que teñen que xogar os docentes na extensión do uso do galego. En 2009 o uso do galego era dun 20.40%. Este ano acadamos un 27.50% nas licenciaturas e un 32.11% nos graos. Froito do azar ou do compromiso?

Este é un proceso con certo comportamento sinusoidal. Os números non saltan dun modo significativo dun ano para outro, polo que non teño claro que se repetimos o estudo dentro dun par de anos volvamos ter este nivel de compromiso coa nosa lingua. Pero é algo que si que se está traballando, e nisto o SNL ten un papel clave así como as Comisións de Normalización Lingüística dos centros. A xente que participa nelas é moi activa e arrastra a outros docentes. Ademais, cada vez atopamos máis incentivos para empregar o idioma, como os contratos-programa cos departamentos, que son acordos de interese mutuo entre a Universidade e os departamentos, onde se expresan unha serie de compromisos de mellora. Aí tamén está incluído o galego, e cando os departamentos nos trasladan a vontade de aumentar o uso da nosa lingua, valorámolo positivamente. E isto é un contrato, hai que cumprilo.

Úsase máis o galego nas titulacións humanísticas e sociais que nas experimentais e nas de ciencias da saúde. Debe haber máis apoio nestas últimas?

Creo que dalgún xeito os docentes fan valer o argumento de que a maior parte da terminoloxía vén do ámbito anglosaxón. Coa preocupación adecuada por facer adaptacións, podemos construír léxicos tan ricos como en calquera outra lingua. Pero é certo que os docentes están moi  habituados a beber de revistas e libros do inglés. Por iso empregan termos en neste idioma. Debemos de facer o posible por incentivar a este profesorado a empregar léxico en galego.

O profesor Manuel Bermejo, a quen entrevistamos o pasado mes, afirmaba que non dar clase en galego escudándose no léxico é unha escusa, xa que a maior parte del provén do latín.

Concordo plenamente. Hai unha cousa que é innegable, para o profesor é máis cómodo empregar o español porque boa parte dos libros están en español e non en galego. Se aquí estamos comprometidos coa lingua hai que facer un esforzo, e un esforzo que ten que facer o docente é este.

Un dos proxectos máis ambiciosos do seu mandato é o Campus Vida, que terá un marcado perfil no ámbito das ciencias e tecnoloxías da vida. Ten cabida o galego no proxecto?

No proxecto de Campus Vida, que vai máis aló dunha simple actuación urbanística, hai un apartado referido á internacionalización. Na aposta polas linguas queremos que o alumnado aumente o seu coñecemento de inglés. Agora ben, neste proxecto tamén se recolle explicitamente, e asígnase recursos para este obxectivo, fomentar o uso do español e do galego entre os e as estudantes que non son de Galicia. A idea é que a persoa que vén de fóra incorpore o galego como unha lingua máis ao seus coñecementos, non só coa idea de seguir as aulas no noso idioma, senón tamén para levar canda si unha lingua e unha cultura da que estamos orgullosos. O que non hai é un programa específico no Campus Vida que diga: imos aumentar o galego nas aulas ata tal porcentaxe.

E a introdución doutras linguas na docencia?

É importante. A iso non podemos renunciar. A USC quere ser unha universidade no mundo. A min gustaríame que tanto persoal docente como o PAS se manexasen moito máis en inglés. Isto non significa renunciar ao galego nin que deixe de ser a nosa lingua de uso normal e preferente. Pero significa incorporar outras linguas para sermos tamén unha universidade internacional. Hoxe sómolo só parcialmente.

Pero débese introducir só o inglés ou tamén outras linguas?

Temos que introducir a máis adaptada á disciplina e perfil de estudantes aos que nos queremos dirixir. Non vexo que as linguas teñan que atacarse unhas as outras para se defender. Quen nos derá sermos plenamente competentes en galego, en español, en inglés e en moitas máis linguas. O problema é que o saber si que ocupa lugar, porque ocupa tempo, pero hai que esforzarse.

Cre que unha maior porcentaxe de galego na docencia reverte positivamente na preparación do alumnado?

Non sei se positivamente, pero é a nosa lingua. Polo tanto, se estamos comprometidos con ela e non queremos convertela nunha reliquia, eu penso que a temos que defender. Dise que o español é unha lingua importante no mundo porque é  terceira máis falada e emprégase en territorios en expansión; nós tamén podemos defender o galego pola súa proximidade co portugués. Non podemos obviar a importancia desta lingua no mundo e o crecemento que está a vivir Brasil. Así que mirando o tema en termos prácticos, resulta que podemos chegar a 700 millóns de falantes no mundo grazas ao galego e ao español. Se ademais sabemos inglés, cubrimos o mundo enteiro.

Oito anos despois, de que se sente orgulloso en materia lingüística?

Do noso Servizo de Normalización Lingüística, que é o instrumento que máis nos axuda. A USC fai un esforzo económico no SNL, pero ao longo do ano, boa parte dos recurso que manexa están captados externamente. Desgraciadamente a USC non ten unha partida importante para novos proxectos de normalización, pero no SNL cobren esta eiva con voluntarismo e traballo, e buscan outras vías de financiamento. Valoro moito o seu entusiasmo e o seu compromiso coa lingua. Pero tamén valoro que o SNL sabe que non é o servizo o que ten que facer a política lingüística da institución.

Quedoulle algo por facer?

Moito. Pero facían falla recursos que non tiñamos.

Que consello lle daría ao novo reitor nesta materia?

Se mos pide, todos, pero se non mo pide explicitamente, ningún. Cadaquén debe ter toda a liberdade para asumir en plenitude a confianza que lle deposita a comunidade universitaria.

Como aínda reitor e como catedrático de Ciencia da Computación e de Intelixencia Artificial, que opina das persoas que aínda hoxe sosteñen que a lingua galega non é válida para transmitir ciencia?

Primeiro, que están equivocados. E segundo, que a nada que fagan un pouco de esforzo (ao mellor cústalles ao principio), van ver como a lingua galega é tan válida como o inglés para falar de calquera tema. Pero require esforzo. Eu comecei dando as miñas aulas en español, era máis cómodo para min, xa que tiña moitos máis máis materiais así como maior competencia en castelán. Custoume dar ese paso pero sentinme moi contento. Desde entón sempre impartín a docencia en galego, e agora cando me reincorpore ás aulas seguireino facendo.

DUARTE ROMERO VARELA

Luns, 31 de maio de 2010