Modelos para os traballos de fin de grao

Os estudantes dos graos deben presentar, para obteren o título correspondente, o denominado traballo de fin de grao (TFG), que poden ter entre 6 e 30 créditos ECTS. Trátase dun traballo persoal en que o alumno ou alumna debe aplicar e integrar os coñecementos e destrezas adquiridos ao longo dos seus estudos, así como a súa creatividade e orixinalidade. Segundo a normativa da USC, os centros deben establecer os seus propios procedementos de elaboración dos TFG. En calquera caso, a redacción e presentación dos contidos devén un aspecto fundamental.

Os estudantes de Economía, Administración de Empresas e Enxeñaría Informática han ser os primeiros en presentaren traballos de fin de grao neste curso que andamos. Os regulamentos dos TFG destes graos recollen, entre outros, aspectos relacionados coas súas características (portada, resumo, índices, introdución, tipo de traballos, etc.). Baseándose neses requisitos, as comisións académicas dos ditos graos, co apoio técnico do Servizo de Normalización Lingüistica, van ofrecerlles aos seus graduandos un recurso para facilitarlles a elaboración dos TFG.

Trátase de modelos de documentos para os procesadores de textos máis estendidos, que incorporan os requirimentos aprobados polas xuntas de facultade, ofrecen solucións formais en relación ás partes do traballo (portada, resumo, índices, capítulos, bibliografía...) e ao formato (estilos, paxinación, inclusión de táboas, gráficos ou imaxes), e inclúen ferramentas de apoio á redacción: o idioma do documento está fixado e o corrector automático, listo para iniciarse.

Deste xeito o graduando ou graduanda que queira utilizar estes modelos (o seu uso non é obrigado) só terá que centrarse nos aspectos máis directamente relacionados co contido, deixando á marxe cuestións puramente técnico-formais que ás veces derivan en importantes perdas de tempo xusto cando máis cómpre.

No deseño do modelo téñense en conta liñas de actuación transversal da USC como son o coidado da imaxe corporativa, as recomendacións de sustentabilidade ambiental (aforro de papel e de tinta) e, como non, o fomento do uso do galego.


O fomento do galego nos TFG

Estes modelos, que han estar á disposición das persoas interesadas no mes de xuño, a través dos webs dos seus centros e do web do Servizo de Normalización Lingüística, son unha peza máis na engranaxe con que a USC tenta fomentar o uso do galego nos traballos do alumnado, respondendo a obxectivos específicos do Plan de Normalización Lingüística.

Ademais dos modelos, os estudantes contan cos cursos de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación, para melloraren as súas habilidades comunicativas escritas. Os coñecementos adquiridos nestes cursos e o uso destes modelos para os TFG sen dúbida mellorarán a redacción e presentación dos traballos, que poden concursar aos Premios á calidade lingüística.


 

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Luns, 31 de maio de 2010