Oito pequenas aplicacións informáticas en galego grazas ao Fiadeiro de SL

A diana inicial de localización a que a organización do Fiadeiro (CNL da ETSE, OSL, SNL) se propuxera apuntar nesta segunda edición eran 16 pequenas aplicacións; porén tivo que reducirse, pois as persoas matriculadas nesta actividade finalmente foron só sete: un profesor universitario e seis alumnos e alumnas de titulacións diversas: Filoloxía Portuguesa, Física, ETIS e Enxeñaría Química. Tamén eran diversa a súa competencia declarada en galego, inglés e informática.

Tras as sesións formativas que lles impartiu persoal da OSL, nas cales coñeceron as ferramentas que ían utilizar, as memorias de tradución, os glosarios, etc., e tras unha primeira proba de tradución en que compartiron dúbidas e solucións, botaron oito horas de xornada –con paradas de descanso e xantar común- localizando as aplicacións encomendadas, cun alto nivel de calidade: a media de corrección lingüística foi dun 8’6. Con axuda e, sobre todo, ganas, calquera pode contribuír a unha meirande presenza do galego no software.

Os oito aplicativos localizados han estar á disposición de calquera que teña instalado Ubuntu-USC no seu ordenador, pois coa vindeira actualización automática hánselle instalar estas ferramentas, dalgunha das cales xa podemos visualizar a súa interface en galego. Trátase de:

  • Gnac, un programa moi fácil de usar para a conversión de música para o escritorio GNOME entre todos os formatos de son de GStreamer.
  • Pybliographer, unha ferramenta para xestionar bases de datos bibliográficas, cunha interface amigable, que permite inserir e editar citas en procesadores de texto, buscando en bases de datos externas como PubMed, Web of Science, Citeseer e moitas máis.
  • Pyrenamer é un aplicativo que permite cambiarlles asemade os nomes aos ficheiros de forma masiva. Admite patróns, busca e substitución de
    ficheiros, baseándose nos seus metadatos.
  • Pino, un cliente en liña de Twitter e Identi.ca para sistemas GNU/Linux, escrito na linguaxe Vala e integrado no entorno de escritorio GNOME.
  • GNOME Split, unha ferramenta que permite dividir ficheiros para logo poder volver unilos nun só, con asistentes para facilitar as operacións aos novos usuarios.
  • Déjà Dup facilita facer copias de seguranza; está completamente integrado no escritorio Gnome. Permite cifrar os datos das copias, así como programalas para que se realicen periodicamente.
  • Entertainer é centro multimedia que usa GStreamer para a reprodución multimedia.
  • Goobox é  un reprodutor de CD e extractor, que usa GStreamer para reproducir e gravar, obter e editar os metadatos de CD, os títulos das pistas e o nome do álbum.


Avaliacións, diplomas e premio

Logo do proceso de revisión e avaliación das traducións realizadas, o II Open ETSE xa ten flamante gañador do premio «Máis e mellor»: o alumno de Física Javier Villar Bello (estudante), que recibirá un diploma acreditativo e 226 euros como recoñecemento económico ao traballo que realizoou. A organización cuantifica a totalidade das traducións efectuadas en máis de 1.050 euros.

Todos os participantes, ademais de conseguiren un crédito de libre configuración, arrequentarán o seu currículum cun diploma de participación na actividade e mais cunha constancia do seu traballo de localización da aplicación que se lle encomendara; do mesmo xeito, han figurar nos créditos propios da versión localizada.

Os localizadores/as avaliaron moi satisfactoriamente toda a actividade, e déronlle unha puntuación global de 3,86 sobre 4. Tamén a organización valora positivamente o Fiadeiro: seguirá habendo máis edicións, e tentaremos seguir mellorando.


 

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Luns, 31 de maio de 2010