396.536 nomes de lugares... e só vai un terzo!

É ben sabido que Galicia conta con máis topónimos ou nomes de lugar que todo o resto de España. Posiblemente ben por riba do millón. Esta abundancia de topónimos viuse favorecida pola dispersión das entidades de poboación; pola enorme repartición da terra (minifundismo); pola orografía irregular e dificultosa do terreo; pola secular explotación dos recursos agrícolas, gandeiros e mariñeiros; pola abundante e variada flora e fauna; e, ao cabo, pola vontade de querer nomear cada anaco de terra.

Porén, as transformacións demográficas, paisaxísticas e dos modos de vida ameazan a conservación deste riquísimo patrimonio, obra de todos os galegos e galegas que poboaron esta terra e un dos froitos máis recoñecibles da nosa lingua e, xa que logo, da nosa identidade.

Co fin de preservar este tesouro lingüístico e cultural a Lei de normalización lingüística do ano 1983 establece que "os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega" e que "corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia.” A Xunta dotouse en 1984 dun órgano asesor, a Comisión de Toponimia, que dende aquela ata 2003 foi elaborando informes a partir dos cales se fixaron consecutivamente o nome oficial dos concellos, o das parroquias e o dos lugares ou aldeas. Posteriormente recompilou a toponimia oficial por provincias e na súa totalidade no Nomenclátor de Galicia do ano 2003; dende 2005 os máis de 41.000 nomes oficiais de entidades de poboación galegas  tamén se poden consultar na Rede, como informabamos daquela n’O Cartafol.

O Proxecto Toponimia de Galicia: a recolleita da microtoponimia

Ademais das entidades de poboación a galegos e galegas cómprennos unha manchea de nomes para denominar outeiros, regatos, fontes, cantís, terras, soutos, penedos, pasos... A recolleita da microtoponimia era a tarefa pendente e inmensa na que a Comisión de Toponimia leva traballando sen desmaio, nomeadamente os integrantes da Ponencia de Estudos, Rivas Quintas, Santamarina Fernández, Navaza Blanco, Palacio Sánchez, Méndez Fernández e García Cancela, así como técnicos de campo e colaboradores.

Neste mes de maio presentouse o web do Proxecto Toponimia de Galicia, que  axunta 396.536 nomes de lugares: a toponimia de 168 concellos (dos cales algo máis de 100 preséntana completa). Deste xeito, xa está recollida información de máis dun terzo do territorio galego e o obxectivo é chegar a cubrir a metade de toda a Comunidade ao longo deste ano 2010. Cando se completen os 315 municipios galegos os topónimos recompilados poderían alcanzar a cifra de 1.200.000.

Entre os datos curiosos que atesoura o Proxecto destacan que a densidade media é de 36 topónimos/Km2, que o concello con densidade máis alta é Cangas (182 topónimos por quilómetro cadrado) ou que o nome que máis se repite, a falta de completar o traballo de campo en todos os concellos de Galicia, é A Cortiña, con 1.165 casos.

O proxecto, que arrancou no ano 2000, baséase no traballo dos técnicos sobre o terreo, realizando enquisas aldea por aldea e situando a información recollida sobre fotografías aéreas. O complicado proceso de busca e sistematización dos microtopónimos, que se inicia coa chegada dos técnicos ao lugar e a busca de informantes axeitados, pódese axilizar. Ninguén coñece mellor os nomes dun territorio que as persoas que o habitan e que os conservaron e transmitiron co seu uso. As persoas ou asociacións que queiran contribuír a recoller a toponimia do seu concello ou da súa parroquia, poden poñerse en contaco cos respondables do Proxecto, os cales lles proporcionarán o material (ortofotos, programa de introdución de datos...) e a formación necesaria para executaren este traballo.


Aplicacións prácticas

Ademais de contribuír decisivamente á conservación do patrimonio cultural de Galicia, e ser un recurso importante para a filoloxía, a arquoloxía e a administración pública, esta nova ferramente permite aplicacións prácticas na elaboración de cartografía, na xestión das emerxencias, no catastro ou no planeamento urbanístico, grazas a que non se trata só dunha lista ou dunha base de datos de nomes, clasificados por concellos e parroquias, senón que usa técnicas cartográficas avanzadas e novas tecnoloxías, polo que as referencias poden localizarase tamén a través do SITGA ou de Google Hearth. Xa que logo ha ser de utilidade para organismos públicos, entidades privadas e particulares que xestionan o territorio.

Tamén ofrece a posibilidade de descargar listas completas da toponimia dun concello, con indicación de parroquia, lugar, fonética, forma normativa, tipoloxía xeográfica e variantes, co que calquera pode satisfacer a súa curiosidade a respecto dos nomes de lugar polos que se sinta máis agarimo.
 

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Luns, 31 de maio de 2010