“Creo que as empresas deberían apostar polo galego”

Os primeiros galardóns que obtivo foron o Premio á calidade no seu centro e o Premio á excelencia lingüística da USC por un traballo colectivo titulado “Desenvolvemento de aplicacións software SQTCSA”. O terceiro foi un recoñecemento pola calidade e a cantidade das súas traducións durante o Fiadeiro de localización de SL que se realizou o ano pasado.

 

Semella que todo o que tocas se converte en ouro...
Ben, cómpre lembrar que os Premios á calidade e á excelencia lingüística non foron cousa exclusivamente miña. Presentamos un traballo que elaboramos entre varias persoas, por iso o galardón é colectivo, non exclusivamente meu. En canto á tradución de software, cando me matriculei no curso non sabía que ía haber ese recoñecemento. Colleume de sorpresa.

Que te atraeu dos premios á calidade e do Fiadeiro de SL?
Participamos nos Premios á calidade porque algúns dos nosos profesores nos animaron moito. No caso do Fiadeiro foi ben diferente. Vino anunciado e sempre tivera curiosidade por saber como se facía para traducir software. Se se introducían as modificacións directamente no código fonte, ou como era. Así que decidín matricularme.

Obtiveches dous galardóns relacionados coa calidade dos teus traballos e o uso da lingua galega. Cres que o feito de utilizares un idioma ou outro pode influír na calidade dos produtos?
En absoluto. Un traballo é bo ou malo independentemente da lingua na que estea feito. De feito, na miña titulación entrego prácticas nunha ou noutra lingua indistintamente, sen que isto inflúa para nada na calidade do produto final.

Como ves a nosa lingua no mundo da informática?
Se te refires á docencia, na nosa Escola temos algunhas clases en galego. Malia todo, non é unha porcentaxe nin moito menos maioritaria.

E se falamos de bibliografía?
Nunha titulación como a nosa telo absolutamente todo en inglés. Daquela, se queres acceder a algúns dos mellores manuais ten que ser nesta lingua. Traducido ao castelán hai pouco, e ao galego moito menos.

E como ves a cousa no mercado?
Creo que a nivel empresarial si que hai espazo para o galego. Un bo exemplo neste sentido é R, que apostou por empregar a nosa lingua como vehicular de xeito que lle achega ao usuario un trato moito máis próximo e ten nisto unha vantaxe comparativa fronte á competencia. Na miña opinión, máis empresas deberían seguir o seu exemplo.

Abre o software libre novas potencialidades para a tradución de programas e aplicacións informáticas?
Desde logo. É unha das vantaxes que ten o software libre fronte ao privativo. Para facer calquera mellora, como neste caso unha tradución, pódeo facer calquera usuario, xa que hai acceso ao código fonte. Para unha lingua como o galego, isto é moi positivo.

Continuaches traducindo software despois do Fiadeiro?
Anoteime nunha comunidade de tradución de software libre, mais aínda non puiden participar activamente por ter que cumprir con outras obrigas. Gustaríame poñerme algún día.

Como ves o uso do castelán e do galego nun contorno tan anglófilo como é o das TIC?
O máis estendido é o inglés ou o castelán. De feito, aínda se me fai raro ver algún programa en galego. Malia todo, coido que se están a dar pasos e pouco a pouco podemos toparnos con máis aplicacións traducidas á nosa lingua.

Daquela ten futuro o galego nun contorno tan cambiante como é o das TIC?
Ter, ten futuro. A xente agora emprega moito máis as TIC e aparecen cuestións como todos ese blogs en galego... Creo que si, que ten futuro e que ademais pagaría moito a pena traducir moitas máis aplicacións e programas.

 

DUARTE ROMERO VARELA

Martes, 23 de marzo de 2010