Premios "Comunicándomos" de publicidade en galego para o alumnado

Difundir unha nova (e inventada) rede social en Internet; promocionar unha candidatura a reitor da USC; convencer sobre a igualdade das persoas; incentivar o turismo xacobeo; vender para os galegos e galegas unha coñecida marca de coches... son posibles eixos temáticos de campañas publicitarias que poderían presentarse aos V Premios «Comunicándomos», de publicidade en galego.

Este certame, nado en 2006, está organizado polas comisións de normalización lingüística das facultades de Administración e Dirección de Empresas e mais de Ciencias da Comunicación. Está dotado con dous premios de 300 e 200 euros.

O concurso convócase para espertar a vea artística e a creatividade dos estudantes da USC cara á creación publicitaria, así como para alentar que o galego se integre de xeito natural dentro dunha estratexia publicitaria.
 

Un lema en galego antes do 26 de xullo

Segundo as bases da convocatoria, calquera estudante da USC pode participar, ben individualmente, ben formando un equipo con outros/as da súa mesma titulación ou formando un equipo interdisciplinar.

Só cómpre presentar o deseño dunha mensaxe publicitaria sobre ideas, produtos ou servizos, tanxibles e intanxibles, así como sobre empresas ou institucións, todos eles reais ou ficticios. A mensaxe publicitaria deberá contar como elemento central e imprescindible un lema en lingua galega, integrado nunha breve memoria que explique o deseño da campaña, a estratexia de comunicación, etc. E o conxunto do traballo deberá estar redactado en lingua galega.

Os participantes teñen que enviar os traballos a calquera das dúas comisións de normalización organizadoras (ADE ou CC. Da Información) antes do 26 de xullo de 2010.

Para adxudicar os premios, o xurado xulgará:

  • A capacidade expresiva, a efectividade e a orixinalidade do lema
  • A adecuación entre lema, soporte e obxecto do traballo
  • A globalidade da campaña publicitaria

 

O galego e a publicidade

Máis do 80% da poboación é claramente partidaria de que a lingua galega se utilice na publicidade, e esta preferencia é moi homoxénea a través dos diversos grupos sociais, e xa que logo, dos diferentes tipos de consumidores.

Porén, o uso do galego na publicidade segue sendo moi minoritario. Os datos máis positivos a prol do galego derivan da publicidade de tipo institucional ou da feita a través dos medios públicos, como a CRTVG. Son moitas as causas deste déficit e moitos os axentes que interveñen neste eido; a empresa privada galega, como gran contratadora de mensaxes publicitarias, e as empresas de publicidade e comunicación, como fornecedoras de mensaxes de mercadotecnia, seguen en xeral sen integrar o galego como posibilidade de comunicación.

Por outra banda, a utilización do galego na publicidade está, en moitos casos, moi supeditada á tradución de mensaxes publicitarias elaboradas orixinariamente para outras linguas, o que lle resta posibilidades comunicativas ao noso idioma, pois así non se aproveita a potencialidade creativa que o galego ten de seu, algo ao que as empresas de comunicación galegas non están, agás excepcións, aconstumadas.

Foi esta eiva a que levou en 2006 á Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de ADE  a organizar unha actividade a través da cal os estudantes (e en particular os futuros directivos e directivas de empresas, e tamén os especialistas en comunicación) integren de xeito natural o galego na resposta a este tipo de necesidades comunicativas.

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Martes, 23 de marzo de 2010