26945

O pasado 15 de abril de 2010, o Instituto Galego de Estatística fixo públicos os principais resultados relativos a Prácticas Lingüísticas recollidos na edición de 2008 da “Enquisa de condicións de vida das familias. Coñecemento e uso do galego”.

En 2008 o 30% dos galegos falaba habitualmente sempre en galego, 13 puntos menos que en 2003. As ganancias leváronas o grupo que fala máis galego ca castelán (subiu 8, 3 puntos, ata situarse no 26,4%), o grupo dos que habitualmente falan máis castelán que galego (subiu 3,8 puntos ata acadar o 22,5%) e o dos que falan sempre en castelán, que subiu 5 décimas ata o 20,1%. As provincias de Lugo e Ourense son as de maior porcentaxe de poboación que sempre fala en galego: un 40,3% e un 41,9%, respectivamente.

O uso do galego é desigual dependendo da idade da poboación. Deste xeito, o 52,9% dos galegos de 65 ou máis anos fala habitualmente só en galego e un 25,6% utiliza máis o galego ca o castelán. Pola contra, entre os rapaces e rapazas de 5 a 14 anos, o 15,3% fala habitualmente sempre en galego, o 20,9% máis en galego ca castelán e o 63,9% restante utiliza sempre o castelán ou máis castelán ca galego.

Case 47.000 galegos que habitualmente falaban só castelán ou máis castelán ca galego pasaron a falar só en galego ou máis galego ca castelán, ben por decisión persoal (51,5% dos casos) ben por motivos de traballo (28%), como razóns principais.

Por outra banda, o número de galegofalantes (só ou maioritariamente) que pasou a falar só castelán ou máis castelán ca galego foi de 67.856. Tamén as principais razóns son decisión persoal (33,8%) e motivos de traballo (26,9%).

O 54,1% da poboación galega sabe falar moito en galego en 2008, o 35% bastante e o 10,9% restante pouco ou nada. Os que din sabelo falar moito diminuíron con respecto ao ano 2003, en 13,8 puntos, practicamente os mesmos que subiron as persoas que o saben falar bastante. O 45% dos rapaces e rapazas galegas de entre 5 e 14 anos saben falar moito o galego, o 38,6% bastante e o 16,4% restante, pouco ou nada. As porcentaxes máis baixas de persoas que saben falar pouco ou nada en galego rexístranse nos grupos de máis idade; un 9,7% na poboación de entre 50 e 64 anos e un 7% para a de 65 ou máis anos.

A familia é onde máis se aprende a falar en galego: o 83,2% dos galegos de 5 ou máis anos que o saben falar aprendérono así. A idade resulta un factor clave: mentres que o 95,1% dos galegos de 65 ou máis anos aprenderon a falar o galego a través da familia, só o 69,9% dos rapaces e mozos de 5-29 anos o aprenderon na casa; para a infancia e a mocidade actual a escola é o medio máis habitual para aprender a falar en galego.

Como nunha funesta predición, un grupo de xente dedicouse a espallar por Galicia adiante o número 26945: durante meses puidemos ver esta cifra en pintadas en muros, adhesivos en farolas,  en redes sociais... Ata que chegou o día no que apareceu nun web cunha data en que explicaban todo. O 15 de abril. Xustamente a data na que saíu o estudo do IGE. Que era 26945? O número de falantes que o galego vai perdendo como media ano tras ano.

Para tremer, non si?

 

DUARTE ROMERO VARELA

Mércores, 28 de abril de 2010