Termos esencias de matemáticas para economistas. Súmaste?

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade Económicas e Empresariais leva varios anos divulgando a terminoloxía e as expresións máis utilizadas nas súas titulacións, a través de soportes funcionais, como son cartafoles para gardar fotocopias. Co asesoramento da Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística, que se encarga da selección dos termos en galego, castelán e inglés, coa colaboración do Servizo de Reprografía do centro, que distribúe os cartafoles entre os seus usuarios e usuarias, e co financiamento da propia Facultade, xa van alá carpetas con termos esenciais de nova economía, de contabilidade e, neste ano 2010, de termos matemáticos utilizados nas ciencias sociais.

Expresións como “matriz transposta” ou “feixe de conxuntos” fan parte dun total de 197 termos empregados habitualmente por docentes e estudantes en moitas materias que se imparten na facultade. En boa medida resultan unha escolma do Vocabulario de Matemáticas publicado na USC en 1995. O lema empregado desta volta no cartafol é Súmaste?, acompañado co subtítulo “Emprega os termos correctos”.

Dende o Servizo de Normalización pódese descargar o cartafol tal cal, pódese baixar como traballo termolóxico independente ou pódese consultar a través do bUSCatermos.

E por favor, que non che acorde elevar potencias ao caldeiro...

DUARTE ROMERO VARELA

Mércores, 24 de febreiro de 2010