Por que "gallego" é insultante en castelán?

As declaracións efectuadas ultimamente por responsables de partidos políticos e participantes en tertulias radiofónicas, corren o risco de quedar na anécdota fuxidía, cando debían convidar a unha pequena reflexión, ao menos sobre dous puntos: un, como e por que no vocabulario castelán (non no dicionario da Real Academia, senón no que os e as falantes levan nos miolos) o xentilicio gallego chegou a converterse nun adxectivo descualificativo, e outro, que é o que está detrás do seu uso neste caso e momento concretos. O tópico denigrante para os galegos no imaxinario castelán ten raíces moi fondas, chantadas en varios séculos. A literatura clásica española e os sainetes populares madrileños ofrecen numerosos e moi expresivos testemuños. Velaí dúas perlas: "Los gallegos no se colocan en predicamento, porque no son alguien", deixou escrito Cervantes; "Hay gallegas rollizas como un nabo, / entre puerca y mujer, que baja al río / y lava más gualdrapas que un esclavo / cantando como carro en el estío", rimou Lope de Vega, e quedou tan pancho (a pesar de que o mantiña o Conde de Lemos).

Din os estudosos que este estereotipo se creou como consecuencia da arribada a Madrid dunha multitude de labregos miserentos que abandonaran a súa terra para exercer labores servís ou de escasa estima social (lacaios, criadas). Un dos elementos que contribuíu a crear esa imaxe derrogatoria do galego curto, retraído e acomplexado (e de aí, de indeciso, taimado e incluso covarde) foi a escasa seguranza lingüística daquelas pobres xentes, incapaces de expresárense en castelán, e que por iso temían (e de feito adoito eran) ser vítimas de crueis chanzas. Xa que logo, ese estereotipo expresa a marxinación histórica do noso país e o noso idioma.

Linguaxe politicamente correcta

Cada lingua constitúe o depósito da experiencia histórica e o inventario da cultura da comunidade que a fala, pois esa experiencia e a correspondente pegada na mentalidade colectiva deixan marcas indelebles no idioma: en refráns e frases feitas, nas acepcións ou connotacións de certas palabras, no uso figurado dalgúns termos. Por iso mesmo, a fala coloquial e a literatura (sobre todo, a popular) son fieis receptáculos dos preconceptos máis arraizados. Expresións "trabaja como un negro" e "chulo como un madrileño"  precisan máis explicacións.

Pero a linguaxe non é simple expresión dunhas ideas que terían unha vida independente: a propia fala contribúe a consolidar as imaxes, a difundilas e a arraigalas. As formas non son neutras pois están moito máis vencelladas aos contidos do que puidera semellar. Velaí a xustificación dos esforzos para erradicar a linguaxe sexista, que replica a discriminación das mulleres. Algunha vez matinaron por que ata hai pouco non era aceptable referirse en feminino a presidentas, mariñeiras ou médicas, pero si a secretarias, señoras da limpeza ou enfermeiras? Ou por que os vocábulos xuíza e alcaldesa denotaban as esposas do xuíz e do alcalde? Para non falar das expresións homófobas. Que diriamos dun deputado que descualificase a un alto cargo por facer ou dicir algo "propio dun maricallo"? Ou das que expresan prexuízos raciais. Sería a día de hoxe considerado de bo gusto referirse publicamente á "cobiza tipicamente xudaica"? E falar de alguén como "un mouro, no peor sentido da palabra"? A linguaxe politicamente correcta, tan deostada por comentaristas superficiais, representa un avance da civilización. Evidentemente, non arranxa os problemas de fondo, pero ao menos non contribúe a reproducilos. A alternativa á corrección política na fala é a expresión brutal e irrespectuosa. Isto ten pouco que ver con complexos, sentido do humor ou perturbacións nacionalistas, e moito con civilización, purga de prexuízos, ambiente de respecto á dignidade das persoas e dos colectivos.

Polo mesmo, a eliminación da vida pública de falares ofensivos cara aos distintos pobos de España, que reviven no día a día o lastre herdado dunha cultura autoritaria, uniformista e tinguida de prexuízos castelanizantes, é unha tarefa esixida por pura hixiene cívica.

Henrique Monteagudo (Departamento de Filoloxía Galega da USC)

Luns, 15 de marzo de 2010