Eufalo.tv: a lingua faise en colaboración e na Rede

Disque a historia é a suma de millóns de voces que coa súa participación individual constrúen o devir colectivo dun pobo. Mais tamén se di que a historia a escriben os vencedores. Este último paradigma pode mudar se combinamos as novas tecnoloxías cun pouco de imaxinación e lle engadimos un chisco de vontade. Acaba de nacer na Rede un proxecto documental que fala de lingua. Pero vai alén da simple produción audiovisual que uns elaboran e outros reciben. Chámase Eufalo e conta a historia da nosa lingua a través dos falantes:  Alex de Morgadáns, un rapaciño que veu de Madrid e hoxe fala en galego con naturalidade; Clara e Digna, dúas señoras de Carboeiro que senten o noso idioma; Fátima, que bota de menos que lle ensinaran máis galego na escola para hoxe poderse expresar nos dous idiomas; o tráiler de “En Vigo fálase”.... O portal convida a calquera persoa que teña unha cámara de vídeo, un móbil ou unha webcam, a que conte as súas vivencias ao redor do idioma. Coa suma de todas as voces habemos dar unha visión da realidade sociolingüística do país.

 

Trátase dunha iniciativa da empresa A Navalla Suíza, xunto cun grupo de colaboradores formado por Noa García, Manu Mayo, Belén Regueira, Araceli Gonda, Xandra Tedín, Mabel Montes, Mónica Ares e Matías Tarrío, entre outros. Mais este proxecto non pode ir a adiante se non participas TI, falante, achegando os teus vídeos e ideas. 
 

Duarte Romero Varela

Venres, 29 de xaneiro de 2010