O galego, subindo na USC

Da torta que representa o uso dos diferentes idiomas na docencia de graos, licenciaturas e diplomaturas neste curso 2009-2010, o dato máis salientable é que o castelán segue sendo a lingua maioritaria nas aulas da USC, cun 60,09% das horas de docencia. A segunda máis empregada é o galego, cun 27,50%, á que lle segue, xa a moita distancia, o inglés (1,54%), e outras linguas que, en conxunto, non chegan ao 2%.

 

Ao debullarmos os datos por titulacións, non podemos pasar por alto o feito da implantación dos graos, que engade unha pequena alteración no que é a docencia nesta primeira etapa dos estudos universitarios. Por iso ofrecemos, xunto a ese 27,50% de horas en galego para o conxunto de graos, licenciaturas e diplomaturas, os datos parciais.

 

A media de uso do galego nas vellas titulacións de 1º e 2º ciclo representa un 22,89%; mais é o dato dos graos o máis alentador para a nosa lingua: un 32,11%. Se cadra a menor dispersión das materias nos graos, así como a oportunidade que representa para moitos docentes o cambio a un novo plan de estudos (ao mudaren as materias, os enfoques, os recursos, resulta máis doado mudar tamén o idioma de impartición), podería explicar este maior índice de uso do galego nos graos, que tamén se produce en relación ao inglés: fronte ao 1,35% nas licenciaturas e diplomaturas, un 1,74% nos graos. Malia haber exemplos que contradín esta explicación (Física, Políticas, Pedagoxía, Educación Social), son moito máis numerosos os casos de medra do uso do galego no paso da vella titulación ao grao: Bioloxía, Enfermaría, Química, Relacións Laborais, Matemáticas, Psicoloxía, ADE, Economía, Historia da Arte, Xeografía, Filosofía, Filoloxía Clásica, Historia, Xornalismo...

 

En total, das 94 titulacións de grao ou 1º e 2º ciclo que se están impartindo actualmente na USC, 23 non chegan ao 10% (entre elas, sete relacionadas con idiomas). A boa nova é que titulacións cun grande impacto polo número de estudantes, como Medicina ou Dereito avanzan posicións e superan ese 10%.

 

As titulacións que superan o 50% de horas docentes en galego son 22, entre elas clásicos como Filosofía, Historia, Pedagoxía, Educación Social, Comunicación Audiovisual, Xornalismo (92,67%) e Filoloxía Galega.

 

Tamén van converterse en clásicos algúns erros: como o 100% de docencia en galego en Ciencias Criminolóxicas, as oscilacións da titulación adscrita de Enfermaría de Lugo, ou as porcentaxes de catalán que aparecen nalgunhas titulacións como Veterinaria, Enfermaría, Medicina, Tecnoloxía dos Alimentos ou Farmacia, que semellan deberse á proximidade Castelán-Catalán á hora de seleccionar o ítem de idioma en XesCampus, a aplicación informática en que se consignan os datos dos POD.

 

O uso doutras linguas non oficiais na USC é anecdótico, sacadas as filoloxías. En moitos casos, o seu uso está asociado a materias optativas específicas (en Dereito, Química, Enfermaría... ofrécese materias de idioma estranxeiro técnico). Neste curso só Enxeñaría Técnica de Sistemas conta con unha única materia en que se utiliza instrumentalmente o inglés na docencia dunha materia.

 

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Venres, 29 de xaneiro de 2010