Linguas, departamentos e categorías de PDI

No POD deste curso 2009-2010 catorce departamentos sobrancean por non impartiren nin unha soa hora docente en lingua galega. Agás os casos explicables de Filoloxía Inglesa e Francesa, o resto son departamentos de Ciencias da Saúde (Cirurxía, Pediatría, Dermatoloxía, Enfermaría, Farmacia) e de Ciencias (de Química e Bioloxía).

 

Hai representantes de todas as áreas (Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais, Ensinanzas Técnicas e Humanidades) nos tres tramos seguintes: ata o 10% de docencia en galego (20 departamentos), entre o 10 e o 25% (13 departamentos), e entre o 25 e o 50% (10 departamentos). Porén entre os 14 departamentos que imparten máis da metade das súas horas docentes en galego o perfil predominante é o de Humanidades e Ciencias Sociais; hai un departamento de Técnicas (Produción Vexetal) e ningún de Ciencias ou de Ciencias da Saúde. Lidera o ensino na nosa lingua Ciencias da Comunicación, co 92,49%.

 

Pola súa banda, os profesores/as titulares de universidade -a categoría maioritaria na USC (o 45%)- imparten en galego o 24,65% da docencia que lles corresponde. A seguinte categoría por número de efectivos é o conxunto de tipoloxías de profesorado asociados, que imparte en galego unha media do 24,25%. Os catedráticos universitarios rebaixan esa media ata o 17,91%, que volve elevarse co persoal contratado doutor (29,61%) e sobre todo cos catedráticos de escola, ata o 40,22%. O uso da lingua do país entre o restante PDI e o profesorado en formación, cun número moito máis reducido, pero fundamental para o futuro do galego na docencia, vai dende o 0 ao 100%.

 

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Venres, 29 de xaneiro de 2010