Decreto vai, decreto vén

Desde que o goberno galego anunciou a súa intención de derrogar o vixente Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, moito se ten falado da presenza do noso idioma no ensino. Ata hai ben pouco, as iniciativas relacionadas coa lingua facían parte dos grandes consensos da autonomía. O primeiro exemplo témolo no ano 1983, cando a vontade de todas as forzas políticas con presenza no Parlamento fixo posible a aprobación da Lei de normalización lingüística (LNL). Desde entón, a lexislación en materia idiomática saíu adiante co apoio de todo o arco parlamentar, tendo como exemplo paradigmático recente o Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL) do ano 2004. Mais esta situación mudou logo da aprobación dun decreto aínda vixente que regula o uso do galego e do castelán no ensino durante a etapa do goberno bipartito. O texto finalmente aprobado seguía fielmente as liñas do PXNL, ao fixar que polo menos un 50% das aulas debían ser impartidas na nosa lingua, unha medida crucial para lograr a mesma competencia lingüística en galego e en castelán, que é un mandato legal derivado da Lei de normalización lingüística que non se estaba a conseguir. Nun primeiro momento, todos os partidos políticos se sumaron ao acordo, pero contra última hora o PP saíuse do consenso.


Este fito parlamentar supuxo un antes e un despois no tratamento da lingua propia de Galicia no debate público. En ámbitos urbanos xurdiron asociacións que espallaron termos como “imposición lingüística” ou a “liberdade de elección de idioma”, a miúdo utilizando a bandeira do bilingüismo, e que axiña atoparon simpatías en certos actores políticos e mediáticos. A súa principal reivindicación é a escolla polos pais da lingua vehicular na que se imparten as aulas. Nas eleccións de 2009, o Partido Popular asumiu unha parte significativa dos postulados destes grupos e fixo da consulta aos pais un eixo da súa campaña. Unha vez gañados os comicios, o goberno de Feijoo anunciou a súa intención de derrogar o decreto do bipartito, porque non contaba co debido consenso e elaborar un novo.


Axiña apareceu unha importante resposta social que criticaba as propostas en materia de lingua do goberno do PP. Queremos Galego, Prolingua, Galego patrimonio da humanidade, Galego Sempre Máis, Galiza co Galego son os nomes de distintas plataformas, asociacións e colectivos que foron xurdindo nos últimos meses co obxectivo de defender as políticas de normalización lingüística e facerlle fronte á redución de aulas no idioma do país que anunciaba o goberno de Feijoo. Nos meses seguintes, as mobilizacións e os comunicados multiplicáronse, tendo como máximo expoñente a marcha convocada por Queremos Galego! o día 28 de outubro e que tivo ao redor de 50.000 asistentes.


Finalmente, o 30 de decembro de 2009, no derradeiro Consello da Xunta do ano, saíron á luz as chamadas Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. A diferenza do texto anterior, introdúcese unha lingua estranxeira como vehicular no ensino obrigatorio, que ademais conta cunha porcentaxe de uso igual á dos idiomas oficiais, ocupando cada unha un 33% da docencia. Outro dos aspectos máis rechamantes deste texto é a posibilidade que terán os pais e nais de votar a lingua na que se impartirán determinadas materias nos distintos niveis. Estas bases levan sido moi criticadas en diferentes sectores sociais, profesionais e políticos.


Desde un punto de vista pedagóxico, o proxecto conta coa oposición da Asociación Profesional de Pedagogos de Galicia (Apega), cuxo presidente manifestou que “co decreto do galego non se vai a ningunha parte” e que “a cousa estaba ben como estaba”. Pola súa banda, Nova Escola Galega afirmou que “contravén o sentido da necesaria protección” que dita a lexislación vixente e amosa a súa preocupación porque este texto traia “un maior retroceso na lingua galega”. Desde a Facultade de Ciencias da Educación da USC, tamén se quixo amosar o malestar coa norma e emitiron un posicionamento no que se aposta pola “capacidade para respectar e valorar a diversidade lingüística”.


Nos centros de ensino, profesorado, ANPAS (tamén de centros relixiosos) e estudantado amosaron o seu rexeitamento ao decreto. De feito, os principais sindicatos de traballadores do ensino así como as grandes asociacións estudantís secundaron a folga xeral convocada o pasado día 21.


Mais o rexeitamento ás Bases non se circunscribe tan só a aqueles sectores vencellados directamente co mundo da educación. Varias agrupacións a prol da normalización lingüística fixeron críticas moi duras ao texto porque “do xeito no que está redactado, fai imposible que o galego sexa unha lingua normal.”, en palabras de Valentina Formoso presidenta da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Pola súa banda, Carlos Callón, d´A Mesa pola Normalización Lingüística declarou que “é unha norma que vai crear conflitos enormes nos centros e entre familias”. Desde un punto de vista estritamente legal, o decreto recibiu críticas de máis de 60 xuristas, entre avogados, catedráticos e xuíces, que elaboraron unha análise na que expoñen os motivos polos que esta norma pode incorrer en anticonstitucionalidade.


Pero se cadra, a crítica máis sonada ultimamente foi a que fixo a Real Academia Galega, que emitiu un informe no que expuña o pouco conveniente que é este decreto para o proceso de normalización do noso idioma. A outra institución consultada pola Xunta, o Consello da Cultura Galega, aínda non se posicionou publicamente, mais é probábel que siga a liña de declaracións anteriores, nas que facía unha aposta por retomar o PXNL e consensuar entre todas as forzas políticas como levalo adiante. Para isto, propuñan a creación dunha comisión parlamentaria na que se traballase na procura deste acordo, para logo aprobalo pola cámara. PSOE e BNG xa amosaron o seu apoio a esta medida, mentres que o PP non se posicionou. Seguindo con pronunciamentos de institucións, cómpre subliñar o que fixeron as tres universidades galegas a través da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, para quen “deben ser as autoridades educativas as que establezan os currículos educativos e regulen o emprego das linguas vehiculares do ensino”.


A oposición parlamentaria tamén respondeu unanimemente diante do decreto. PSOE e BNG desmarcáronse completamente das Bases e apoiaron activamente as diferentes mobilizacións que entidades das sociedade civil convocaron. A máis recente foi a folga xeral no ensino que xuntou en Compostela a máis de 30.000 persoas nun día laborable.


Grupos como Galicia Bilingüe, que apoiaron a Núñez Feijoo na campaña electoral, son moi críticos con este texto por consideralo insuficiente.

 

Apoios


Os grupos que se amosaron a prol do novo decreto redúcense a pouco máis que o propio Executivo e o partido que o sustenta, o Partido Popular. No ensino, un sindicato como ANPErematou por desmarcarse de moitos puntos do decreto.

 

Semella que, se o Decreto impulsado polo goberno bipartito en 2007, seguindo fielmente o Plan Xeral de Normalización Lingüística, colleitou críticas dalgúns colectivos de docentes e pais-nais, este Borrador tampouco se libra dun carro delas. A Consellaría de Educación ten aberta unha rolda de discusión sobre a nova norma.
 

Duarte Romero Varela

Venres, 29 de xaneiro de 2010