A la Universitat en catalá!

En todas as comunidades nas que conviven varios idiomas en situación desigual xorden movementos sociais que pulan polos dereitos da fala máis desfavorecida. A comunidade catalanparlante é de sempre unha das máis avanzadas en materia normalizadora.

Fieis a esta tradición, acaba de botar a andar a campaña A la universitat en catalá!, impulsada pola Plataforma per la Llengua e polas organizacións estudantís Estudiants en Acció, Plataforma Universitària pel Catalá (PUC), Sindicat d´Estudiants dels Països Catalans (SEPC), Associació de Joves Estudiants de Catalunya (AJEC), Federació Nacional d´Estudiants de Catalunya (FNEC) e a Associació d ´Estudiants Progressistes (AEP).

Esta iniciativa defínese como unha acción de concienciación e mobilización masiva que ten un dobre obxectivo. Por unha banda amosarlle á sociedade “que hai universidades que evitan sistematicamente colocar o catalán no lugar que lle corresponde” e concienciar os responsables das institucións gobernamentais e educativas de que “o estudantado reclama políticas decididas de respecto á lingua catalá”.

A primeira actividade posta en marcha no marco desta campaña é a edición e distribución de 40.000 postais nas que figuran os dez puntos básicos que reclaman:

1. Poder recibir un ensino en todos os graos integramente en catalán.
2. Maior oferta de posgraos e mestrados oficiais en catalán.
3. Que todo o profesorado que se incorpore ás universidades coñeza suficientemente a lingua catalá.
4. Que se promova e se respecte a lingua na docencia.
5. Poder facer os exames, as prácticas e os traballos en catalán.
6. Que haxa un recoñecemento oficial da investigación feita en catalán.
7. Dispoñer de bibliografía específica en catalán.
8. Que o estudantado de mobilidade e intercambio coñeza o catalán.
9. Que todas as universidade elaboren un regulamento de usos lingüísticos e que ademais o cumpran.
10. Que os e as futuras profesionais sexan competentes en lingua catalá.

Tanto a través destas postais como do sitio web da iniciativa, pretenden ir recollendo adhesións á campaña que se prestarán diante das institucións universitarias. Tamén é posible coñecer as novidades e avances que se vaian facendo, a través das redes sociais Facebook e Twitter.

Duarte Romero Varela

Xoves, 17 de decembro de 2009