Lingua e educación en Galicia, a debate

Os pasados días 27 e 28 de novembro celebráronse na Facultade de Ciencias da Educación as xornadas “Educación e linguas en Galicia”, organizadas polas comisións de normalización lingüística da Escola Universitaria de Formación do Profesorado e a da propia Facultade de Ciencias da Educación, e mais o SNL. Por este encontro pasaron distintos representantes do mundo da lingua, da educación, do goberno e da política, que reflexionaron sobre o papel que ten que xogar o galego e o resto de linguas no sistema educativo. Segundo destacou o decano do centro, Lois Ferradás, o idioma é “unha ferramenta de educación e trazo de identidade colectiva” e que “nestes anos, meses e días sería difícil atopar un tema mellor” para organizar unhas xornadas. A asistencia superou as expectativas dos organizadores ao cubrírense rapidamente as 280 prazas ofertadas, segundo informou Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística.
 
O primeiro relatorio das xornadas correu a cargo do sociolingüista Fernando Ramallo, profesor da Universidade de Vigo, quen ademais de colaborar no primeiro Mapa Sociolingüístico de Galicia, conta con ampla experiencia na análise do idioma no mundo empresarial e no traballo con neofalantes. Comezou a súa conferencia facendo unha radiografía da situación actual da lingua galega. Destacou que a Galicia do século XXI pouco ten que ver coa de hai 30 anos, cando se aproba o Estatuto, e que nese contexto de cambio as familias e maila mocidade optaron polo español fronte ao galego: a medida que descendemos na franxa de idade maior é a castelanización. Porén, Ramallo sinalou que o número de monolingües en ámbolos dous idiomas aumentou a custa dos bilingües, o que explicou como un claro exemplo dunha sociedade madura, consciente de que se pode vivir nas dúas linguas porque os dous somos multilingües receptivos. “Se antes o bilingüismo era dos galegofalantes, cada vez se dá con menos frecuencia, xa que non hai prexuízos de cortesía”. Para rematar, destacou que “as linguas non deben ser unicamente formadoras de identidades, senón que teñen que ter unha serie de atribucións que melloren o perfil socioeconómico”  para concluír que até que aumente a demanda social de profesionais con coñecementos na nosa lingua, esta non acadará ese prestixio tan importante para a normalización.

A segunda intervención, baixo o título "As linguas no sistema escolar de Galicia", foi a cargo do profesor da USC Bieito Silva Valdivia, quen reflexionou sobre a implantación do noso idioma no ensino e amosou a súa preocupación porque aínda hoxe o galego sexa entendido como un problema. Fixo fincapé sobre o carácter político do sistema educativo como proxecto que é, e xa que logo, sobre os axentes que deben decidir sobre este. Silva apostou por construír un modelo plurilingüe baseado no galego, e nunha renovación pedagóxica no que a ensino dos idiomas se refire.

A estratexia a seguir na planificación lingüística nos centros ocupou a seguinte táboa redonda da xornada. Mercedes Queixas, Valentina Formoso e Xosé Lastra Muruais, profesores de secundaria e primaria de distintos centros de Galicia, compartiron co auditorio a súa experiencia no traballo co idioma.

Na sesión da tarde tiveron a súa quenda os representantes das organizacións políticas ao protagonizaren unha mesa redonda que contou con Carme Adán polo BNG, con Guillermo Meijón polo PSOE e con Román Rodríguez polo PP. O principal punto de desencontro entre as tres forzas foi a ruptura do consenso en materia lingüística. Socialistas e nacionalistas acusaron os conservadores de saírense dos acordos históricos tomados nesta materia e de provocaren un clima de confrontación. Pola súa banda, o deputado popular sinalou os anteriores mandatarios como culpables da ruptura dos pactos en materia de idioma.

Posteriormente o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, explicou as liñas mestras do proxecto de novo decreto das linguas no ensino. Declarou que o seu principal obxectivo é “o desenvolmento do Plan Xeral de  Normalización Lingüística, pero cun máximo respecto á liberdade individual e de elección". Os principios xerais deste novo marco deben basearse, segundo Lorenzo, en "ofrecer garantías dunha competencia semellante en ámbalas dúas linguas oficiais, fomentar o uso do galego en actividades sociais e educativas, ter en conta a opinión das familias, impulsar o plurilingüismo e facer efectiva a lingua galega como primeira lingua na administración educativa.

A derradeira actividade do día foi para a presentación do Modelo Burela de planificación lingüística, a través dun vídeo e dun coloquio con Bernardo Penabade, quen explicou que "Modelo Burela", un proxecto de normalización lingüística que naceu no IES Perdouro, acadou importantes avances na galeguización de inmigrantes que chegaban á Mariña, ademais de facer unha importante contribución na dignificación do idioma propio para paleofalantes que tiñan desterrada a lingua ao eido doméstico.

Os dous primeiros relatorios da xornada do sábdo estiveron protagonizados por alumnado e profesorado da Facultade de Ciencias da Educación, que expuxeron ao auditorio un diagnóstico sociolingüístico sobre o alumnado de Ciencias da Educación, as súas opinións sobre como debía de ser o proceso de galeguización nese centro, así como as principais eivas que lle atopaban.

O ramo das xornadas púxollo José Manuel Vez, profesor da USC e director do observatorio Atrium linguarum, quen impartiu unha conferencia sobre o futuro da linguas europeas no marco da globalización, concluíndo cun alegato a prol do plurilingüismo.

Xoves, 17 de decembro de 2009