Como se redacta un traballo académico (ou de investigación)?

Redactar con corrección e sen faltas, estruturar ben os contidos, citar con coherencia, elaborar bibliografías, automatizar índices, empregar os correctores, inserir táboas ou imaxes, etc., son destrezas comunicativas que se dan maioritariamente por sabidas nas aulas. Porén, tanto docentes como  estudantes son conscientes das eivas neste terreo entre o alumnado, particularmente co maior número de traballos académicos que se realizan nos graos. Xa que logo, os  «Cursos de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación», que poñen en relación elementos lingüísticos, comunicacionais e informáticos na procura da mellor calidade formal, veñen cubrir unha importante lagoa.

Desenvolverase un total de cinco cursos na Facultade de ADE (Lugo) de 13 a 15 h, e mais en Psicoloxía (de 9 a 11 h),  Dereito (de 12 a 14, e de 16 a 18 h) e de Filosofía (19-21 h), entre o 9 de decembro de 2009 e o 14 de xaneiro de 2010. En total, 30 horas de curso que dan dereito a un crédito de libre configuración para todas as titulacións.

O curso comprende oito sesións presenciais, con uso dun equipo informático con conexión a Internet por persoa, e 8 horas de traballo individual, que consistirán na elaboración dun pequeno traballo (mesmo un en desenvolvemento polo estudante), en que se poñerán en práctica as cuestións tratadas. O curso remata con tres sesións presenciais de avaliación conxunta dos traballos.

O prazo de matrícula estará aberto entre o 23 de novembro e o 2 de decembro a través da web. O custo dos cursos é de 30 €. Esta cantidade será reembolsada se o estudante realiza en lingua galega a súa tese, memoria de licenciatura, TIT ou proxecto de fin de carreira.

Mércores, 25 de novembro de 2009