Na Universidade, à l'Université, in the University...

No Centro de Linguas Modernas

O CLM ofrécelles a estes estudantes os Cursos de lingua galega para non galegofalantes, por decimoterceiro ano consecutivo. Estes cursos modúlanse en dous niveis, Básico I e Básico II (que corresponden aos niveis A1 e A2 do Marco Europeo de Referencia). Constan de 40 horas lectivas cada un. Tras o remate, en xaneiro, comeza o período de exames, con varias probas sobre comprensión de textos escritos, expresión escrita, comprensión da lingua oral e expresión oral. A aqueles que superen con éxito a proba outorgaráselles unha certificación de aptitude no nivel que corresponder. Ademais estes cursos serven para preparar as probas do nivel 1 dos certificados oficiais de lingua galega (Celga 1).

Aos estudantes procedentes de fóra da comunidade autónoma galega, así coma aos estudantes estranxeiros, recoñecéselles 3 créditos de libre configuración por cada un dos niveis.

Ademais o CLM ofrécelles aos seus alumnos e alumnas a posibilidade de, complementariamente, practicaren a comprensión e a conversa en lingua galega mediante o programa de intercambio lingüístico Tandem, que pon en contacto estudantes do CLM, de xeito que poidan practicar os diferentes idiomas que neste centro se imparten, incluído o galego.

Programa Volangteer

Sucesor do programa de Voluntariado de Acompañamento Lingüístico que a USC mantivo os cursos anteriores, Volangteer é un proxecto piloto de acompañamento lingüístico para a aprendizaxe do galego destinado a persoas estranxeiras.

Así, os estudantes estranxeiros que chegan á Universidade de Santiago de Compostela poden introducirse na lingua galega da man de persoas voluntarias dispostas a acompañalos neste cometido. Organizados en parellas de acompañante e aprendiz, os participantes no programa desenvolven múltiples actividades relacionadas coa cultura e coa lingua de Galicia, para facer máis doada e humana a súa integración: visitas ao Museo do Pobo, ao CGAC, ao Parlamento, ao Patrimonio Histórico da USC..., ademais doutras actividades como excursións, cinema, etc.

Porén, o celme do programa constitúeo as conversas que os participantes manterán cos seus acompañantes ao longo de oito semanas, para familiarizárense coas palabras e coas estruturas propias da nosa lingua, para o cal os voluntarios nativos recibiron unha xornada de formación específica.

Para lles facilitar a aprendizaxe, contan con Falamos!, unha guía de aprendizaxe de galego, con correspondencia en francés e en inglés, que non só busca desenvolver as competencias lingüísticas en galego, senón introducir os estudantes na vida e na cultura galega a través de situacións comunicativas habituais e pequenos apuntamentos sobre o San Xoán ou o magosto, ir de viños, lugares de interese -como os Canóns do Sil-, programas e aplicacións informáticas en galego, o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, etc. A guía, coordinada e editada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, complétase cun apéndice gramatical.

Ao final do programa haberá unha proba de avaliación dos seus coñecementos en lingua e cultura galegas.

Volangteer, un programa europeo

Volangteer insírese no marco do programa europeo Lifelong time learningque ten como finalidade a promoción e o uso das linguas minoritarias dos distintos estados da Unión Europea. Este proxecto, coordinado desde a Xunta de Galicia pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, pretende converterse nun exemplo de boas prácticas de aprendizaxe lingüística baseadas no acompañamento de voluntarios a estudantes estranxeiros que estean gozando dunha bolsa Erasmus. Nel participan, ademais da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Universidade de Santiago de Compostela, outros parceiros europeos como AFUK (Algemiene Fryske Underrjotchs Kommisje), de Holanda; GIP (Formation Tout au Long de la Vie), de Francia e IDEC, de Grecia.

 

 

 

Martes, 10 de novembro de 2009