Xornadas "Educación e linguas en Galicia"

 

É innegable que nos últimos tempos se xerou un clima de debate arredor da cuestión do modelo lingüístico no ensino non universitario, logo da anunciada derrogación por parte da Xunta de Galicia do Decreto 124/2007, que regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo non universitario, e o conseguinte novo decreto que está a elaborar a Consellería de Educación.
 
Neste contexto a Facultade de Ciencias da Educación e a EU de Formación do Profesorado da USC queren contribuír á análise e reflexión sobre tan importante tema dende a perspectiva do mundo da educación, entre o seu persoal docente e entre o seu alumnado, mais sen deixar de integrar o evidente carácter político da cuestión. Nas xornadas “Educación e linguas en Galicia”, organizadas por ambos os centros os vindeiros 27 e 28 de novembro, participarán sociolingüistas como Fernando Ramallo, especialistas sobre a didáctica das linguas en situación de contacto como Bieito Silva Valdivia, e profesorado de primaria e secundaria con ampla experiencia en planificación e dinamización lingüística no ensino. Tamén haberá espazo para a política, cunha táboa redonda de representantes de organizacións políticas parlamentarias e coa presentación, por parte do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, das liñas mestras do novo decreto.
 
Tras ese programa, que se desenvolverá o venres 27, o sábado dedicarase, na súa sesión central, a debater o papel que os centros formadores de profesorado nos diversos niveis educativos non universitarios poden exercer en relación coas linguas. Para iso profesores e profesoras das facultades de Ciencias de Educación de Galicia, da EU de Formación do Profesorado e da Facultade de Filoloxía analizarán como contribuír a mellorar a formación destes docentes de infantil, primaria e secundaria non só en canto a competencias lingüísticas, senón tamén en canto ás actitudes cara ás linguas. Precisamente, as Xornadas rematarán cunha conferencia do profesor José Manuel Vez sobre linguas e globalización en Europa.
 
Os centros organizadores das xornadas entenden que son do meirande interese para o PDI e o alumnado destes centros, polo que a inscrición é de balde. Ademais do correspondente diploma de asistencia, os estudantes das titulacións de Ciencias da Educación, EU de Formación do Profesorado e Filoloxía poderán obter un crédito de libre configuración (que está solicitado), para o cal deberán entregar unha memoria coas súas reflexións sobre o tema antes do 4 de decembro. Tamén se solicitará o recoñecemento como acción formativa de 14 h para o PDI, dentro do Programa de Formación e Innovación Docente da USC.

 

Martes, 10 de novembro de 2009