O manual para obter o Celga 3, “Aula de Galego”, xa está na rúa

Acaba de chegar ás librarías o derradeiro volume da colección “Aula de Galego”, unha serie de catro manuais de aprendizaxe do noso idioma correspondentes aos distintos niveis do Celga. Desde 2008, a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a financiar a edición destas obras co obxectivo de crear unha serie de materiais didácticos que faciliten o coñecemento do galego e que axuden ao alumnado para obter un recoñecemento oficial. Despois da aparición de “Aula de galego” dos niveis un, dous e catro, a saída do prelo dos 5.000 exemplares de “Aula de galego 3” pon punto e final a esta colección.

 
Os autores da obra destacan que “non existe ningún material que responda adecuadamente ás necesidades expostas nos distintos cursos de galego” polo que se precisaba a elaboración dun manual con contidos propios e adaptados. Por este motivo, estes libros aspiran a converterse no referente de todo o profesorado destes cursos e achegan unha ferramenta de aprendizaxe sistematizada para o alumnado que se queira achegar á nosa lingua tanto dentro como fóra de Galicia. O feito de ter todo o material compilado e ordenado nunha única peza facilita a coordinación entre os docentes que impartan clase nun mesmo curso. A metodoloxía proposta na colección “Aula de galego” combina a comprensión de documentos que contextualizan os contidos lingüísticos, coa aprendizaxe de gramática ou coa práctica comunicativa. Asemade, os libros traen canda si un CD con diferentes audicións relacionadas coas propostas feitas no temario. A orientación das diferentes unidades tenta serlle útil a todos os tipos de alumnado independentemente da súa situación sociolingüística. Deste xeito, é unha ferramenta que poden empregar tanto aqueles que se atopan en situación de inmersión, como os que están a estudar galego fóra de Galicia ou mesmo para aqueles que teñen o galego como lingua propia e queren consolidar os seus coñecementos.
 
Celga
 
O Sistema de Certificación en Lingua Galega (Celga) está adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas, un estándar internacional utilizado para medir o nivel de comprensión e expresións orais e escritas nunha determinada lingua. O Celga está estruturado en cinco niveis e a colección “Aula de galego” fornece manuais para preparar, ben mediante a asistencia a cursos, ben por conta propia, os exames para obter os catro primeiros niveis.O último libro editado correspóndese co nivel tres e nel procúrase que o alumno teña unha comprensión auditiva elevada que lle permita entender discursos extensos, así como participar en conversas cunha certa fluidez e espontaneidade e escribir textos claros e detallados.

Martes, 10 de novembro de 2009