Carlos Pajares: «O galego formou parte da modernización da universidade»

Aínda que o galego non é hexemónico en todos os eidos da vida universitaria, a ninguén lle estraña a súa presenza en usos administrativos, docentes ou investigadores. Mais este feito, que agora nos parece perfectamente normal, é froito do traballo de moitos homes e mulleres que pularon por que a lingua galega entrase nun ámbito do que fora desterrada por non considerala apta para a cultura. Aínda que houbo persoal docente, administrativo ou estudantil que con anterioridade xa apostara pola normalización do galego, foi baixo o mandato como reitor de Carlos Pajares cando por vez primeira se fixo unha aposta pola nosa lingua desde a institución universitaria.


 
 
Vostede foi o primeiro reitor elixido por lexislación democrática. Xogou un papel histórico na transición desde a universidade franquista?
Si, mais non faría fincapé niso. O logro máis grande do meu período como reitor foi pasar dunha universidade do século XIX a outra do XX e que puidese ser do XXI. Pretendía abrir a Universidade, que a xente puidese saír fóra, especialmente a comunidade científica. Ademais, introducimos cousas que hoxe poden parecer triviais como o concepto de biblioteca universitaria ou a construción de infraestruturas de investigación. Neste proceso de modernización estaba, evidentemente, o idioma. Se en Galicia hai dúas linguas oficiais, o galego tiña que estar na Universidade.
 
Como tomou a comunidade universitaria a introdución da lingua propia?
Non houbo grandes problemas. Aínda que o fixemos con decisión, tamén tivemos moito tacto e non pretendemos ser impositivos. Foi a época na que na Xunta de Goberno e no Claustro se comezou a falar galego e fíxose con normalidade.
 
A elaboración dos novos Estatutos da Universidade supuxo o recoñecemento da oficialidade do galego na USC. Causou moito problema?
Houbo un pouco de debate pero non foi gran cousa e finalmente chegamos a un acordo. Eu tiña contestación en sectores do nacionalismo e da dereita, pero neste punto acadouse un consenso.
 
No curso 84-85, antes da aprobación dos Estatutos, xa apareceron os primeiros formularios de matrícula en galego...
Había poucos meses que chegaramos á Reitoría e estabamos a traballar arreo. A cantidade de cousas que queriamos mudar era enorme e desde o primeiro momento comezamos co tema da lingua.
 
Cal é o motivo de crear neste mesmo ano 84 o Servizo de Tradución?
Precisabamos dun soporte sobre todo para galeguizar a administración, e asesoramento. Hei de recoñecer que naquela época o meu galego era moi malo, e como consideraba que o reitor debía falar correctamente tiven a axuda de moita xente do ILGA, como Constantino García. Aos poucos meses lanceime a dar o primeiro discurso público na nosa lingua e mesmo se me chegou a escapar algunha palabra en catalán, porque eu pasara moito tempo en Barcelona, pero pouco a pouco funme corrixindo.
 
Toparon algún tipo de reacción negativa diante dos documentos en galego?
Algunha queixa houbo, pero pódense contar cos dedos da man. Lembro dou ou tres casos en Dereito, pero foron moi illados. Pensei que habería máis reacción.
 
E o funcionariado?
En xeral tivo unha actitude moi positiva e preocupouse por aprender. O punto máis discutible sempre foi a docencia que aínda hoxe está moi castelanizada
 
O Servizo de Tradución axiña mudou en Servizo de Normalización. Cumpriu as expectativas?
Si, aínda que se cadra o cargamos con demasiado traballo nun comezo, mais penso que o fixeron con gusto. No 88 consideramos que o primeiro paso, a tradución dos documentos, estaba feito e había que ir introducindo o galego nos centros, de xeito que sobrepasase as fronteiras da Reitoría. Por este motivo o Servizo de Tradución convértese no que hoxe coñecemos como Servizo de Normalización Lingüística.
 

Era moi importante que o reitor da Universidade falase galego publicamente

 
Coa perspectiva temporal, como valora o seu período no que ao galego se refire?
Moi positivo. O noso papel foi facer natural o que podía resultar estraño. O galego, daquela, falábao ao redor do setenta por certo da poboación. Malia todo, había moito complexo de inferioridade por ser unha lingua labrega, e non das clases cultas. Para mudar esta situación eu vía moi importante que o reitor da Universidade falase en galego publicamente.
 
Que opina daqueles que din que non se pode aprender física en galego?
Paréceme unha parvada. Lémbrame o que dixera Adolfo Suárez de “como se va a enseñar física nuclear en catalán”. Daquela, no ano 77, os mellores físicos nucleares de España eran cataláns e falaban en catalán. As linguas serven para entenderse, e o galego, evidentemente, cumpre esta función. Na ciencia a lingua internacional é o inglés nas publicacións especializada. Agora ben, a nivel divulgación é ben diferente.
 
Estamos nun momento de involución?
A min hai algo que me fai sorrir, todo este tema do trilingüismo harmónico. Diría que é un termo empregado por pailáns da cidade que nunca falaron inglés e que queren facelo. É unha parvada. As linguas que hai en Galicia son o galego e o castelán. Claro que é conveniente que se saiba inglés! Como informática! Isto dá emprego. Pero hai que diferenciar o que dá traballo do que é a lingua dun, que serve para comunicarnos entre nós.
 
Ve máis preocupación polo galego antes que agora?
Se cadra si. A día de hoxe callou nun sector da sociedade un discurso baseado na necesidade de salvar o castelán. Calquera sabe que se defende só, non hai nada máis que prender a televisión e ver que todas as canles están en castelán agás unha. Antes este discurso non callaba e había moito máis entusiasmo na defensa da lingua. De todos os xeitos cómpre dicir unha cousa: a manifestación do outro día foi impresionante. A clase política que non teña en conta que practicamente toda a poboación ten o idioma galego no seu corazón e que reaccionará se percibe unha agresión ao idioma, vai ter desgustos moi fortes, politicamente falando.

Venres, 30 de outubro de 2009