V Premios á calidade lingüística en traballos académicos

 

Durante o mes de outubro fóronse reunindo os xurados da quinta edición dos «Premios á calidade lingüistica dos traballos académicos»; correspondían a cadanseu centro organizador: Administración e Dirección de Empresas de Lugo, Bioloxía, Ciencias da Educación, Ciencias Económicas e Empresariais, Dereito, Filosofía, Psicoloxía, Veterinaria, EPSE, ETSE e Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo. En total presentáronse 20 traballos. Foi a Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo a que máis arrastrou nesta quinta convocatoria.
 
Con este concurso a USC premia os dous mellores traballos académicos de primeiro e segundo ciclo de cada centro, escritos en galego e que obtiveran unha calidade mínima na avaliación do profesor ou profesora da materia en cada curso académico.
 
Corrección lingüística e terminolóxica, calidade na redacción, coherencia na presentación dos contidos e deseño correcto son os criterios que manexan os xurados, co obxectivo de incentivar o bo exercicio das habilidades comunicativas dos alumnos e alumnas no ámbito docente, na nosa lingua.
 
Outórganse dous premios aos dous mellores traballos presentados en cada centro, a xuízo dos respectivos xurados: un primeiro premio de 300 euros e diploma acreditativo, e un segundo premio de 200 euros e diploma acreditativo.
 
Os gañadores e gañadoras dos concursos, así como outros aspectos relacionados coas deliberacións dos xurados, pódense consultar nas actas correspondentes, que están publicadas na documentación das comisións de normalización lingüística.
 
O concurso non remata aquí, xa que os traballos gañadores dos primeiros premios optan ao III Premio á excelencia, dotado con outros 300 euros e diploma. Esta segunda fase do concurso resolverao durante o mes de novembro un xurado formado pola secretaria xeral da USC, Isabel García-Rodeja; un representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o director do Servizo de Normalización da USC, Manuel C. Núñez Singala.

 

Venres, 30 de outubro de 2009