Quince anos de Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos

Neste mes de xuño de 2011 celébrase o 15 aniversario da elaboración da «Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos», nacida en Barcelona en 1996 como resultado dos debates sostidos entre 60 ONGs e 40 centros do PEN Club internacional, entre eles o Pen Clube galego, presidido daquela por Úrsula Heinze.

Asumida en setembro de 1996 polo Parlamento español, a proposta do deputado do BNG Francisco Rodríguez, e polo Parlamento galego a proposta da tamén deputada nacionalista Pilar García Negro, esta «Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos» (DUDL) complementa a «Declaración Universal de Dereitos Humanos»,  na que se fai un expreso fincapé nos valores de igualdade, dignidade e liberdade sen distincións de raza, cor, sexo, lingua, relixión, etc. A DUDL ten tamén presente a Resolución 17/135, aprobada en 1992 pola Asemblea Xeral da ONU, que apadriña a «Declaración sobre os dereitos das persoas pertencentes a minorías nacionais, étnicas, relixiosas e lingüísticas», así como o «Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Culturais e Sociais», aprobado tamén en 1996.

Nos preliminares desta Declaración realízase tamén unha exposición de motivos para comprender por que as linguas minorizadas se atopan na actual situación presente. Entre tales causas céntrase a atención na falta de autogoberno das comunidades lingüisticamente ameazadas. Inclúense neste grupo a todos os pobos que padecen situacións de colonización ou ocupación, e a todos aqueles sometidos política, económica e culturalmente por outras comunidades.

Partindo dun rexeitamento por igual da «homoxeinización cultural e do illamento exclusivista», a DUDL desenvolve no seu corpo central unha ampla gama de dereitos lingüísticos do ámbito persoal e público, que procuran que calquera individuo poida desenvolver calquera actividade na súa propia lingua. Así, tócanse varios terreos da vida común como a administración pública, a educación, a onomástica, as novas tecnoloxías, a cultura e todo o vencellado co ámbito socioeconómico.

Papel mollado

Como acontece en múltiples ocasións con este tipo de acordos de carácter internacional, existen dificultades á hora de establecer mecanismos axeitados que garantan o cumprimento destes dereitos.  A pesar de que nas disposicións adicionais da DUDL se fai un chamado aos poderes públicos para que tomen parte do cumprimento dos seus artigos e se suxire a habilitación de fondos internacionais para garantir o cumprimento destes dereitos nas comunidades e países con menos recursos, a realidade demostra que os feitos están aínda moi lonxe de acadar os obxectivos despregados nesta Declaración.

Aínda que con botar unha ollada á realidade do noso País un é consciente do incumprimento de moitos destes dereitos, de tal xeito que é imposible que un galego ou galega poida vivir con normalidade toda a súa actividade diaria na nosa lingua (banca, medios de comunicación, traballo, educación, oferta de lecer, administración, etc.), observando os datos globais vemos que moitas linguas continúan aínda en situación de clara discriminación e abandono, poñendo así en perigo a vivencia de parte do noso patrimonio cultural como humanidade. Deste xeito, segundo un informe publicado pola UNESCO no ano 2009, advírtese de que das 6.920 linguas do planeta 2.500 están en risco de desaparición e que podendo chegar a borrarse do mapa antes do ano 2100. Paralelamente, a UNESCO puxo á disposición do público o Atlas Lingüístico das linguas do mundo en perigo, unha ferramenta coa que coñecer as falas do noso planeta que se atopan nunha situación crítica para a súa supervivencia no futuro.

MIGUEL RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ

Mércores, 29 de xuño de 2011