Novos clásicos do pensamento universal na nosa lingua

Adóitase considerar que unha das probas da vizosidade e da potencialidade dun idioma é que conte con versións propias dos grandes clásicos da literatura e do pensamento. A Universidade de Santiago de Compostela contribúe co seu graíño de area nesta tarefa de normalización lingüística e cultural cunha colección que verque ao noso idioma obras senlleiras da ciencia e o pensamento universais en coidadas traducións a cargo dos nosos mellores especialistas.

O martes 6 de  xuño o Pazo de San Xerome acolleu a presentación de tres novos títulos da colección «Clásicos do Pensamento Universal», que dirixe dende a súa posta en marcha en 2002 o ex-reitor e profesor de Teoría da Literatura Darío Villanueva. Trátase dunha colección que coeditan a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación BBVA dende o ano 2002. Os novos volumes presentados son A Galaxia Gutenberg, de Marshall McLuhan; A linguaxe. Introdución ao estudo da fala, de Edward Sapir e Dos delitos e das penas, de Cesare Beccaria. É con esta colección coa que concorre a USC á modalidade de «Mellor colección» dos Premios Nacionais de Edición Universitaria.

Con estas tres novas traducións ao galego xa son dezaseis os títulos da colección, entre os cales podemos atopar obras fundamentais como O Príncipe, de Maquiavelo, Política, de Aristóteles, o Eloxio da loucura, de Erasmo de Rotterdam, A orixe das especies de Darwin, a Introdución á psicanálise de Freud, o Tratado elemental de Química de Lavoisier, o Emilio de Rousseau... Un percorrido ao longo da historia do pensamento universal traducida ao noso idioma directamente dende a lingua orixinal por recoñecidos profesores universitarios, especialistas na materia de que se trate como Manuel Enrique Vázquez Buján, Benigno Fernández, Juan José Moralejo Álvarez,  Manuel Outeiriño, Elisardo Antelo Suárez, Teresa Amado Rodríguez, Sergio Casas Fernández, Xesús Otero Costas, etc. Cada título vai precedido, ademais, por un breve estudo, que introduce o lector na obra e autor e dá conta do seu contexto histórico, elaborado por expertos Francisco Díaz-Fierros, Carlos Pajares, Senén Barro, Herminio Barreiro, Ramón Máiz, Manuel Bermejo, etc. 

Nas tres obras agora presentadas as traducións son obra de Manuel Outeiriño, Benigno Fernández Salgado e Benedict Buono, mentres que os prólogos correron a cargo de Darío Villanueva, Milagros Fernández Pérez e Luís González Guitián.

Sen dúbida, unha magnífica oportunidade de achegarse aos clásicos do pensamento universal cunha coidada edición e con máis que salientables traducións á nosa lingua.

 

MIGUEL RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ

Mércores, 29 de xuño de 2011