VI Premios «Luísa Villalta»

Os VI Premios «Luísa Villalta» contan cun galardón de 3000 euros para quen presente unha proposta de campaña que desenvolva unha iniciativa orixinal de fomento do uso do galego no ámbito universitario. Como tal campaña, deberá contar cunha diagnose previa e os elementos habituais dunha acción planificada: obxectivos, destinatarios/as, metodoloxía, actividades, temporalización, recursos e avaliación.

Se tes unha boa idea para o galego na Universidade, mais non te ves planificando o seu desenvolvemento, podes igualmente participar nestes Premios e gañar ata 1500 euros. Claro que non abonda presentar unha idea xenial: terás que entregar un informe razoado sobre a idea que se presenta, a súa motivación, os seus obxectivos e a súa incidencia social.

Para participar debes espabilar, pois tes que presentar a túa proposta antes das 14 horas do día 20 de novembro de 2009 no Rexistro Xeral de calquera das tres universidades, sempre que sexas membro (estudantes, docentes, PAS) das tres universidades galegas. Informáte ben sobre as bases do concurso!

Sexta edición

Os Premios «Luísa Villalta» a iniciativas normalizadoras chegan este ano á súa sexta edición con algúns cambios a respecto das anteriores, pois elimina a modalidade de artigo xornalístico sobre a lingua (pola existencia doutros prestixiosos premios) e, no seu canto, propón unha nova, a da «idea».

Este relevante concurso, que leva o nome da escritora coruñesa, está organizado polos servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, e responde aos seguintes obxectivos:

 

  • Desenvolver iniciativas innovadoras, relacionadas coa planificación e a normalización lingüística, creadas por persoas e/ou grupos que pertencen ao ámbito universitario.
  • Elaborar propostas que presenten rigor planificador e normalizador para incentivar, deste xeito, a investigación nos ámbitos da sociolingüística e da planificación lingüística.

  • Promover a reflexión e a implicación da comunidade universitaria galega a respecto da situación da nosa lingua dentro das súas institucións e no contorno en que se desenvolven as súas actividades

  • Aproveitar as potencialidades técnicas e científicas e os recursos humanos existentes nas tres universidades, así como outros recursos externos a elas.

 

Venres, 30 de outubro de 2009