Alguén se acorda da gripe aviaria?

 

Pouco despois de sobrevivirmos á gripe A, seguro que moitos de vós xa non vos lembrades que hai pouco máis de tres anos unha doenza parecida ameazaba tamén con estenderse inexorable polo mundo e afectar a millóns de seres humanos: tratábase da gripe aviaria, máis coñecida mediaticamente como gripe dos polos.

Aquela potencial pandemia non chegou a tal pero, a raíz da atención que daquela despertou, a Rede Panlatina de Terminoloxía decidiu elaborar un vocabulario en que se recollese a terminoloxía básica relacionada con esa doenza nas principais linguas románicas (francés, catalán, español, galego, italiano, portugués e romanés) e mais en inglés. Este Servizo de Normalización Lingüística encargouse de coordinar a versión galega, e Gonzalo Fernández Rodríguez, profesor do Departamento de Patoloxía Animal e Xusto Rodríguez Río, técnico do SNL, ocupáronse de elaborala. O resultado de todo ese labor pode consultarse desde hai unhas semanas neste Vocabulario panlatino da gripe aviaria ou en bUSCatermos.

O que nel se pode atopar é un pequeno glosario que recolle 72 conceptos ordenados segundo o seu nome en francés (a entidade promotora e coordinadora xeral do proxecto foi a Office québécois de la langue française). Pero de todos os xeitos, as consultas poden facerse partindo de calquera das linguas de traballo grazas á presenza dun índice final en que se agrupan todas as formas recollidas e se remite á entrada en que se tratan.

Para a extracción dos termos galegos constituíuse un corpus documental formado tanto por textos legais, como por diverso material técnico elaborado polas Consellerías de Sanidade e Medio Rural ou polos colexios profesionais de médicos e veterinarios. As formas alí atopadas contrastáronse a seguir coas recomendadas en dicionarios e glosarios técnicos, buscando sempre establecer unha terminoloxía achegada aos usos reais dos especialistas pero tamén dotada dun alto grao de calidade lingüística.

Bastante tempo despois de que os medios de comunicación apartaran o seu foco desta doenza, os profesionais das ciencias da saúde seguen estudándoa, vixiándoa e analizando a súa evolución, por iso o Vocabulario segue sendo un traballo interesante. Pero ademais, moitos dos conceptos que nel se recollen son tamén básicos para a comunicación técnica ou divulgativa sobre a gripe A, converténdose así, nun material interesante para outros profesionais da comunicación, como por exemplo os traballadores dos medios.

XUSTO ALEXANDRE RODRÍGUEZ RÍO

Mércores, 27 de xaneiro de 2010