Abrindo as cancelas do falar: Criterios de linguaxe non sexista

A linguaxe combina un carácter construído, non arbitrario, cunha viva capacidade de construción: imaxinamos a realidade mediante o filtro das representacións lingüísticas. Pero... que imaxe proporciona o periscopio das palabras? É quen de espellar unha realidade plural ou pode prender en usos que, malia seren correctos gramaticalmente, non nos debuxan ben?

O branco de todas as cuestións anteriores son as propostas dun uso non sexista da linguaxe. O tema, tratado con atención unhas veces e depreciado outras tantas na esfera pública, centra unha nova e breve publicación da USC, froito da colaboración da Área de Asesoramento Lingüístico do Servizo de Normalización Lingüística e da Oficina de Igualdade de Xénero: Criterios de linguaxe non sexista. Por máis que unha ollada redutora traduza linguaxe non sexista en regueiros ridículos de barras, arrobas, dobres flexións e concordancias, as razóns base desta achega nunca son menores:  visibilizar o 50 % da poboación e gañar precisión e exactitude cognitiva.

A Universidade, terreo de xogo desta iniciativa, preséntasenos como un espazo no que resulta imposíbel virarlle as costas a este tipo de usos. Dunha banda, está a innegábel presenza da muller na institución académica e doutra, as esixencias mesmas da vehiculación do coñecemento: unha linguaxe científica esixe o máximo rigor, sen ambigüidade.

O documento Criterios de linguaxe non sexista pretende ser unha guía práctica, unha base manexable e coherente, na liña de moitas das consultas que chegan a un SNL ou que se atoan na recámara das dúbidas de calquera falante. Talvez semelle un xeito de organizar respostas básicas, e abofé ten pretensión de limiar, de chanzo primeiro á reflexión para un público diverso. Debido ao seu carácter iniciático, realiza unha sucinta división de criterios aplicábeis segundo tipos de texto, ao tempo que deixa libre o camiño ao emprego doutro tipo de solucións e métodos.

Outro portelo aberto é o da difusión, xa que os Criterios de linguaxe non sexista optan por unha licenza copyleft, que permita ao documento saír dos vieiros tradicionais deste tipo de produtos, e posibilite a distribución de copias, versións...

Só peneirando as palabras en común, abriremos a cancela que comunica os cambios lingüísticos cos cambios sociais. Moita enerxía para cribar as escollas en prol dunha boa sementeira!
 

ALBA CID FERNÁNDEZ

Venres, 04 de novembro de 2011