Videomatón pola Lingua na USC

Nas primeiras semanas de abril todas as persoas que forman a USC tiveron a oportunidade de armarse de micrófono e falar ante a cámara do galego, o futuro da lingua, a súa situación na Universidade, etc. Todas estas declaracións e puntos de vista, constitúen a materia prima do Videomatón pola lingua que a Comisión de Normalización Lingüística de Ciencias da Comunicación, a proposta dos estudantes da Liga Estudantil Galega, comezou a elaborar este mes.

Plantarse ante a cámara nunca lle resulta doado a ninguén e, nos máis dos casos, a vergoña é un motivo de peso para non falar. Mais desta volta foron moitos os voluntarios e voluntarias que decidiron participar e responder ás preguntas que os estudantes da Facultade de Ciencias da Comunicación lles suscitaron. O obxectivo? Coñecer un pouco mellor os hábitos lingüísticos da comunidade universitaria e as súas opinións sobre o galego, a súa situación da universidade e as perspectivas de futuro. Respostas houbo moitas e para todos os gustos, mais de todas elas podemos tirar unha conclusión bastante xeneralizada entre todos os intervenientes: ao galego aínda lle queda bastante camiño por percorrer para equipararse ao castelán no mundo académico.

O resultado final das gravacións poderémolo ver o 25 de maio, cando se proxecte o vídeodocumental que, elaborado polos estudantes da Facultade, pon o colofón a este proxecto da Comisión de Normalización de Ciencias da Comunicación.

MIGUEL RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ

Venres, 29 de abril de 2011