Máis software libre en galego co Fiadeiro

Logo de dous días de introdución a este mundo, nos que os estudantes inscritos no III Fiadeiro de localización de SL fomos resolvendo as nosas dúbidas, o día 2 de abril tivo lugar a xornada de localización e lecer na que os asistentes puxemos en práctica os contidos aprendidos, traducindo por parellas algún aplicativo pequeno ou un conxunto de aplicativos con maior volume de cadeas.

O son rápido das teclas interrompíase de cando en cando para escoitar algunha explicación do filólogo Antón Méixome ou de Enrique Estévez, técnico da Oficina de Software Libre, que nos acompañaron durante toda a xornada. Ao comezo eran algo teóricas, mais co paso do día xa se convertían en anécdotas e casos prácticos, coma se estivera perante auténticos profesionais da localización de software libre.

A música axudounos a facer máis levadeiro traballo e a máis dalgunha serviulle para ver que na nosa lingua tamén se pode facer música atractiva. “Ademais de aprender sobre o software libre coñecín cancións en galego moi boas e das que non tiña nin idea. Ao chegar a casa o primeiro que fixen foi descargalas.”, di Paula Martínez, estudante de Xornalismo que participou nesta terceira edición do Fiadeiro.

Xa ao mediodía deixamos para un lado os teclados e as pantallas e marchamos alí mesmo, no Departamento de Electrónica e Computación a «localizar» algúns petiscos que a organización do Fiadeiro ofrecía para enchermos o bandullo. E é que botar toda unha mañá traducindo software libre ao galego cansa o seu!

Non pasou nada para aqueles que cometeron un pequeno exceso no xantar: a organización habilitara unha mesa de ping pong e un Galeoke para que os mozos e mozas nos divertiramos un chisco logo do xantar e moveramos un pouco o corpo. «Pasámolo coma nenos», dixo Davide do Arroio, que tamén aseguraba decatarse de que coñecía a letra de moitas máis cancións en galego das que el pensaba. Ademais, o ping pong era unha escusa perfecta para desatrofiarmos as pernas logo de toda unha mañá sentados. O Galeoke tamén, mais aquí xa dependía máis do entusiasmo que se lle botase á hora de cantar e moverse ao ritmo da música.

Aínda que con este panorama a máis dalgún lle custase deixar as raquetas e os micrófonos, á tarde houbo que volver á tarefa e continuarmos coas localizacións ao galego das diferentes aplicacións. Giftwrap, Viewnior, Gossip, Nemiver…  En total, ao final dunha longa xornada que se prolongou por propio gusto alén das nove horas previstas, un conxunto de 13 aplicativos foran traducidos por nós, aínda que os coordinadores de GNOME e Ubuntu estean a facer a revisión e corrección final.

Así logo, púxose fin ao «III ETSE Open de SL / Fiadeiro de localización de software libre», cunha alta participación e deixando unha moi boa sensación entre os participantes. A IV edición de seguro que será igual de exitosa e igual de produtiva.
 

MIGUEL RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ

Venres, 29 de abril de 2011